González Formoso culpa a Xunta de ter "cegueira orzamentaria" cos autónomos

ATA Galiza propón fomentar o emprendemento no rural.
O prazo das axudas da Xunta da Galiza para profesionais por conta propia, Activa Autónomos, comezou o pasado 9 de xaneiro (Foto: Arxina).
photo_camera O comercio retallista concentra 22,6% de todo o emprego autónomo na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou esta terza feira en Compostela como "cegueira orzamentaria" a actuación que realiza a Xunta da Galiza coas autónomas e cos autónomos. Ao remate dunha reunión coa dirección da Asociación de Traballadores Autónomos da Galiza (ATA Galiza), o líder socialista instou a incrementar as liñas de apoio para as case 206.000 persoas traballadoras por conta propia que hai na Galiza.

Na xuntanza, ATA e Formoso compartiron reflexións sobre a situación do colectivo no país así como sobre as axudas programadas pola Xunta para o sector.

Para o líder do PSdeG as axudas do Goberno galego son "insuficientes" ao alcanzar "só a 18.000" persoas. En relación a esta cuestión, o secretario xeral ironizou cuestionando como "o orzamento máis grande da historia" na Galiza destina "unicamente 30 millóns de euros" a axudas a este colectivo, que é "parte esencial da economía" galega e estase vendo afectado por feches e xubilacións.

Para 2023, dixo o líder dos socialistas galegos, hai "unha perspectiva de perda de autónomos" semellante á de 2022, un ano no que "1.500 comercios desapareceron". Para Formoso, este dato "asusta" e ten que convidar á "reflexión". 

Fomentar máis o emprendemento no rural

Os representantes de ATA Galiza, pola súa parte, trasladaron a Formoso que entre os  problemas que atravesa o seu  colectivo, figura a súa elevada "media de idade" e a "perda" de profesionais, especialmente no ámbito da agricultura, o comercio ou a hostalaría. Entre outras propostas, incidiron na necesidade de "fomentar o emprendemento rural" nun "temos un territorio enorme e rico que se está baleirando".

Comentarios