Os salarios caeron 5,5% e os beneficios das empresas do IBEX medraron 27% en 2022 segundo un informe

O estudo pon sobre a mesa que os soldos no Estado aumentaron menos que no resto das principais economías, facendo que os empregados perdesen de media 1.523 euros de poder adquisitivo en 2022.
Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira (Foto: David Cabezón / Xunta).
photo_camera Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira (Foto: David Cabezón / Xunta).

Os salarios no Estado español caeron 5,5% en 2022, o equivalente a case 11 días de traballo, mentres que os dividendos das empresas cotizadas en IBEX aumentaron 26,8% en comparación co exercicio anterior, até roldar os 26.000 millóns de euros, segundo a análise realizada por Oxfam Intermón con motivo do Día Internacional da Clase Traballadora.

O estudo pon sobre a mesa que os soldos no Estado aumentaron menos que no resto das principais economías, facendo que os empregados perdesen de media 1.523 euros de poder adquisitivo en 2022.

Oxfam Intermón explicou que esta realidade, a da perda de poder adquisitivo, contrasta cos "avultados" beneficios obtidos polas grandes empresas en 2022, que á súa vez axudan a explicar o "forte repunte dos prezos que castiga as persoas traballadoras e as familias".

Adicionalmente, un traballador no Estado español necesitaba en 2021 máis de 147 anos para alcanzar a retribución anual media dun conselleiro executivo do Ibex 35, é dicir, máis de catro vidas laborais.

Para os datos de 2022, Oxfam Intermón asegurou que "esa brecha só puido empeorar" como consecuencia do aumento de marxes empresariais experimentado polas empresas durante a crise de prezos.

Os salarios, cada vez máis baixos no mundo

Pola súa parte, o soldo dos traballadores caeu no mundo 3,19% en 2022, até os 685 dólares por traballador (623,93 euros), segundo Oxfam Intermón.

Esta análise detalla que o recorte salarial medio de 1.000 millóns de traballadores de 50 países supón unha perda conxunta de 746.000 millóns de dólares (679.084,40 millóns de euros), en comparación co que gañarían se os salarios crecesen ao mesmo ritmo que a inflación.

Por zonas xeográficas, os salarios dos traballadores brasileiros diminuíron en 2022 6,9%, mentres que en Estados Unidos e Reino Unido o recorte media foi do 3,2% e do 2,5%, respectivamente. Pola contra, nestes dous países os salarios de altos executivos aumentaron en 9% en termos reais (un 16% sen axustar pola inflación).

Pagamentos aos accionistas

Oxfam Intermón denunciou que "os desorbitados pagamentos a accionistas benefician aos máis ricos da sociedade, exacerbando a desigualdade".

En concreto, da análise despréndese que no Estado, 86 de cada 100 euros repartidos como dividendos e outros rendementos financeiros acaban en mans de apenas 10% da poboación, mentres que en Estados Unidos, o 1% máis rico posúe 54% de todas as accións en mans dos fogares.

Así mesmo, en Sudáfrica, 95% dos bonos e participacións en grandes empresas están en mans de 1% máis rico da poboación, e 62,7% pertence a 0,01% máis enriquecido.

Comentarios