Alcoa estudará a sentenza pero insiste en que é preciso "reestruturar a planta"

A compañía reaccionou desta maneira á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que tomba o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para todo o cadro de persoal da factoría de Cervo.
O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, hoxe. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, hoxe. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)

Fontes da empresa Alcoa veñen de anunciar que van a estudar a sentenza que bota abaixo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que presentaran para as e os máis de 500 traballadores da fábrica de San Cibrao, na Mariña.

Despois de coñecer a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a compañía entende que é hora de analizar o auto para ver se pode reclamar ao recorrer ao decidido polos maxistrados.

En calquera caso, a multinacional -cuxo presidente en España, Álvaro Dorado, estivo presente na sede do tribunal- insistiu en que a suposta necesidade de "reestruturar a planta" segue enriba da mesa e non vai cambiar polo auto.

"Os importantes problemas estruturais e permanentes continúan", insistiron desde a empresa estadounidense dedicada ao tratamento do aluminio.

É dicir, aínda non dan por fechado o capítulo do posíbel despedimento de 524 persoas, deixando moi tocada a industria da comarca da Mariña.

En declaracións a Europa Press, negou a "mala fe" da que a acusa a Xustiza. Segundo as mesmas fontes tomaron as medidas "de boafe e en pleno cumplimento da lei". "Estamos a revisar o fallo do tribunal para determinar os próximos pasos", indicaron, sen querer adiantar cal será a fase seguinte.

Porén, polo momento as e os maxistrados xa impuxeron medidas cautelares que impiden que se paralicen as cubas de electrolisis do complexo de San Cibrao, pois ese cambio levaría a un desmantelamento definitivo.

Comentarios