O Administrador Xudicial ordena o cese total da actividade en Alu Ibérica na Coruña

A Audiencia Nacional tomou a decisión de nomear este novo interventor das factorías galega e asturiana a finais do mes de xullo, cando anunciou que tamén encargaría un informe sobre a situación real da empresa nun prazo de dous meses.
Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)
photo_camera Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)

O comité de empresa da factoría de Alu Ibérica na Coruña vén de comunicar que a Administración Xudicial nomeada a finais de xullo por parte da Audiencia Nacional decidiu estabelecer o "cese temporal de toda actividade na empresa".

Malia que as e os traballadores disporán de "licencias retribuídas" mentres dure esta situación, a representación laboral amósase preocupada por este mandato. Aseguran que deriva da "falta de actividade e a incerteza sobre o estado exacto de liquidez" da compañía.

Aliás, segundo palabras do comité, o xestor actual -que veu substituír aos anteriores responsábeis, xa parte da intervención ordenada pola Audiencia- trasladou que neste contexto hai "graves problemas para manter en estado óptimo as condicións de saúde e seguridade" do cadro de persoal.

A representación das e dos operarios amósase moi preocupada por este novo paso na crise da empresa, que fóra mercada por Parter a Alcoa e posteriormente vendida ao Grupo Riesgo, actual propietario. En consecuencia, convocaron unha rolda de prensa este sábado para falar da "crítica situación" da factoría coruñesa diante do propio complexo industrial do polígono de A Grela.

Un proceso amplo e complexo

Este anuncio deixa nun lugar aínda máis perigoso o futuro da compañía, pois é o paso seguinte á intervención que leva activa meses. A Audiencia Nacional elixira esta vía por ver indicios de descapitalización nas sucesivas operacións de venda protagonizadas por Alcoa, Parter e Grupo Riesgo. Finalmente, o 28 de xullo coñecíase a decisión de nomear un administrador xudicial das factorías da Coruña e Avilés.

O cambio na situación foi froito dun auto do xulgado central de Instrución número 3 de Madrid, integrado na propia Audiencia, e ten vigor por seis meses pero o prazo podería ser revisábel, algo aínda máis posíbel se cabe despois do anuncio desta sexta feira.

A intención deste movemento foi "asegurar a protección das sociedades intervidas, así como dos dereitos dos acredores e os traballadores" das sociedades empresariais. Entre as tarefas do novo administrador -que dado que tiña que tomar posesión do cargo nos cinco días seguintes á notificación da resolución leva moi pouco tempo no cargo- estaba a redacción dun "informe sobre a situación respecto da solvencia financeira real" en dous meses.

Antes de que chegue ese escrito fundamental para continuar cunha investigación iniciada hai tempo debido a unha denuncia sindical, que en marzo levou a un rexistro nas plantas da Galiza e Asturies.

Nunha fase previa, a xuíza recoñeceu que se detectaron "indicios de falsidade en determinados documentos remitidos aos interventores, así como contradicións nas manifestacións realizadas polos xestores das sociedades intervidas".

Comentarios