A TRACTORADA DE COMPOSTELA INTENSIFICA A PROTESTA

A produción inicia unha greve de entregas e o bloqueo do centro loxístico de Vegalsa (Sigüeiro)

En asemblea decidiron fixar controis de gandeir@s nas estradas cos que impedirán o comercio de leite. Se for preciso, engaden, bloquearán as industrias. 

Asemblea de gandeiros
photo_camera Imaxe da asemblea [@unions_agrarias]

Esta sexta feira (11 de setembro) a asemblea de gandeir@s de Compostela acordou iniciar unha greve de entregas que se iniciará esta mesma tarde. Como medida de presión para exixir "garantías legais" nun hipotético acordo entre os distintos elos da cadea de valor do leite, que se negocia en Madrid, deixarán de suministrar produto ás industrias ao tempo que manterán bloqueada Mercagalicia e o centro loxístico de Vegalsa-Eroski, en Sigüeiro (Oroso)

Para garantir o cumprimento da greve, controis de gandeir@s dispostos polas estradas impedirán o comercio de leite e advirten que se for preciso bloquearán as industrias. 

Tamén manterán a tractorada en Compostela embora decidiron aliviar a presión sobre a veciñanza polo que de maneira escalonada irán permitindo a circulación na rúa do Hórreo e a SC-20 dirección A Coruña.

En troca, non retirarán o actual bloqueo ás distribuidoras Día, Alcampo e Carrefour, tres marcas que se negan a asinar un acordo favorábel ás explotacións gandeiras. Así mesmo, os tractores tampouco se moverán de San Caetano e manterán o cerco aos edificios administrativos da Xunta. 

Neste senso a asemblea acordou procurar o consenso nas accións a desenvolver coa asemblea de Lugo á fin de garantir a eficacia através da unidade de acción. 
 

A patronal presiona en defensa do libre mercado

O bloqueo a Día, instalada no centro loxístico de Mercagalicia, está a provocar o desabastecemento dalgúns puntos de venda, aliás, a entidade decidiu iniciar un fechamento patronal responsabilizando @s gandeir@s de non poder afrontar o pagamento dos salarios ao cadro de persoal. 

Fernández Alvariño (CEG): "Ninguén pode garantir prezos mínimos"

En defensa dos intereses empresariais da marca saíu o presidente da patronal galega esta sexta feira (11 de setembro). José Manuel Fernández Alvariño tildou de "inadmisíbel" a medida de presión iniciada pol@s gandeir@s e embora asegurar que contan co "apoio" da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), sinalou que "ninguén pode garantir prezos mínimos" pois hai que respectar o libre mercado, dixo como "base de prosperidade", segundo as declaracións recollidas por Europa Press

Pola súa banda, o grupo de distribución Día emitiu un comunicado no que di que presentará unha "demanda" contra a Administración e @s gandeiros polo "bloqueo ilegal" das instalacións sitas en Mercagalicia. 

Comentarios