INTENSIFíCASE A PRESIóN

"Que non entre nen saia un litro de leite"

A Plataforma en defensa do sector lácteo pon no punto de mira as industrias e acorda bloquealas. A decisión debe ser refrendada pola asemblea de gandeir@s de Compostela. Feijóo e Quintana reuniranse con representantes da produción esta sexta feira.

IMG_1801
photo_camera [Imaxes O.R.]

Esta sexta feira (11 de setembro) a tractorada que manteñen desde hai catro días @s gandeir@s en Compostela podería cambiar de rumo e intensificarse. Neste senso, a Plataforma en defensa do sector lácteo acordou "bloquear as industrias" para que "non entre nen saia un litro de leite", o que atinxiría --se así o refrenda a asemblea de gandeir@s convocada para as 12h-- por volta de 15 entidades. 

A decisión foi adoptada após a xuntanza mantida no Ministerio de Agricultura español entre representantes do goberno e dos distintos elos da cadea de valor do leite. O "preacordo" anunciado por Isabel García Tejerina, responsábel da carteira ministerial, é --segundo a Plataforma-- "papel mollado" polo que incrementarán a presión sobre as industrias do leite. 

A falta de "garantías legais" que obriguen a industria e distribución a cumprir cuns prezos dignos en orixe sitúase no cerne do rexeitamento por parte das explotacións gandeiras. "Non nos queda máis remedio que seguir presionando", sinalan fontes da Plataforma en defensa do sector lácteo. 

Neste senso, deberá ser a asemblea de gandeir@s de Compostela a que ratifique a decisión da Plataforma que, de saír adiante, podería comezar a executarse esta mesma sexta feira pola tarde. Así, os perto de 4 mil tractores que se atopan na capital de Galiza serían distribuídos entre as 15 industrias. 

Á mesma hora na que se reunirán @s gandeir@s en asemblea, representantes das organizacións sindicais e integrantes da asemblea de Lugo reuniranse con Alberto Núñez Feijóo e Rosa Quintana en San Caetano para avaliaren o resultado da xuntanza que tivo lugar no Ministerio. 

Lugo

Pola súa banda, en Lugo acordaron manter a tractorada ao redor da muralla cando menos até a vindeira terza feira. Porén, o seu voceiro Roberto López chamou á "calma" e mesmo asegurou que se estaría a avanzar no acordo entre as partes cara á unha "forquita de 33-36 céntimos por litro de leite". "Evidentemente vannos exixir máis calidade", apuntou en declaracións recollidas por Campo galego. 

López tamén tería comunicado que a tractorada de Compostela abandona as distribuidoras, porén estas non o farán e poderían iniciar hoxe mesmo o bloqueo da industria. 

Comentarios