Abanca anuncia unha "reordenación interna" tras a fusión con Targobank

As centrais sindicais fican atentas ás consecuencias.
Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Juan Carlos Escotet, nunha conferencia de Abanca (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Abanca anunciou un proceso de "reordenación interna" que inclúe a fusión por absorción de Targobank e a filial desta entidade, Cemcice, así como a absorción das filiais Bankoa Kartera, Bankoa Mediación, Abanca Corporación, División Inmobiliaria, Jocai XXI, Torres do Boulevar e Corporación Empresarial de Representación Participativa, co obxectivo, dixo a firma, de "gañar eficiencia".

Trátase de filiais que están integramente participadas de forma directa ou indirecta por Abanca, segundo se recolle no proxecto de fusión con Targobank, operación que se produce tras o fechamento da adquisición en outubro desta última entidade a Crédit Mutuel.

O proxecto sinala que a actual estrutura societaria do Grupo Abanca "tívose que moldear en función das condicións concretas ofrecidas polos propietarios dos negocios que adquiriu", unha circunstancia que determinou que o conglomerado empresarial "se tivese que reestruturar en diversas ocasións para corrixir as deficiencias e duplicidades xurdidas na composición do seu perímetro".

Segundo sinalaron fontes sindicais consultadas por Nós Diario, a entidade non lles fixo chegar ningunha notificación a respecto desta "reordenación interna". Con todo, explicaron estas mesmas fontes, vanse pór inmediatamente en contacto coa compañía bancaria para coñecer cales poderían ser as consecuencias deste proceso.

A entidade financeira presidida por Juan Carlos Escotet explicou que Targobank está implantada "de modo significativo" en segmentos de mercado e ámbitos xeográficos nos cales Abanca "ten escasa presenza", de forma que a compañía prevé que supoña "unha evidente" mellora do grupo dentro do sector financeiro estatal. Porén, a firma non concretou que vai implicar a "reordenación interna".

Comentarios