A xustiza dá a razón a unha traballadora da CRTVG á que se lle denegou o teletraballo para conciliar

A empresa, segundo asegura o sindicato nacionalista, denegou á traballadora a solicitude do teletraballo alegando a inexistencia desta modalidade de prestación do servizo na CRTVG.
Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
photo_camera Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tivo coñecemento dunha “importante” sentenza do xulgado do social número 3 de Santiago de Compostela, contra a que non cabe recurso de suplicación, que recoñece a unha traballadora da CRTVG o dereito ao teletraballo como medida de conciliación da vida familiar e laboral.

A empresa, segundo asegura o sindicato nacionalista, denegou á traballadora a solicitude do teletraballo alegando a inexistencia desta modalidade de prestación do servizo na CRTVG.

Porén, a resolución xudicial sinala que “o artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores non condiciona o teletraballo a que existan outros empregados que veñan con anterioridade suxeitos a este réxime, nin que o mesmo se contemple en convenio colectivo ou outro acordo empresarial”.

O artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores remite ao convenio para regular os termos do seu exercicio, mais non para constituír o dereito nin para determinar quen é o titular, que o será, por disposición legal, “cada traballador”.

Tamén alegou a empresa que durante a pandemia o teletraballo xerou múltiples problemas técnicos e que a emisión era menor ou diferente á ordinaria, mais sen achegar ningún tipo de proba.

Porén, razoa a maxistrada, “o teletraballo non está exento de dificultades técnicas”, mais “a adaptación e necesidades tecnolóxicas e de adaptación que o sistema impón, se non son desproporcionadas e non se trata dun posto que conste que non é susceptíbel, pola súa propia natureza, de teletraballo, o que, no caso, non foi obxecto de proba, non pode erixirse en argumento xenérico de oposición ao dereito que se exercita”.

Por último, a sentenza obriga a empresa a facilitar á traballadora todos os medios telemáticos e programas para a execución da prestación laboral.

“Duro golpe”

Sobre isto, a CIG apunta a que se trata dun “duro golpe que a maxistrada asesta a unha dirección fría e indiferente que non dubida en aducir xustificacións xenéricas e inconsistentes para privar as súas traballadoras do dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.

Comentarios