Xustiza

Teño dereito a teletraballar se hai crianzas ao meu cargo? Un xulgado coruñés considera que si

Unha sentenza difundida polo sindicato USO recoñece o dereito a realizar a totalidade da xornada laboral desde a casa a unha nai, traballadora dun servizo de atención telefónica, con fillos menores ao seu cargo e os consecuentes coidados.
teletraballo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Todos os empregados da súa compañía en León teñen dereito ao teletraballo; non así no centro da Coruña. (Foto: Nós Diario)

Un xulgado coruñés vén de recoñecer o dereito a realizar a totalidade da súa xornada laboral en formato de teletraballo a unha empregada dun servizo de atención telefónica con sede na Coruña, a fin de que poida atender as súas obrigas familiares para o coidado dos seus dous fillos. Nunha sentenza emitida a comezos deste mes de marzo e que trasladou esta quinta feira o sindicato USO, o Xulgado do Social número 1 da Coruña condena á compañía Atento a permitir que esta traballadora do seu centro na Coruña leve a cabo a súa xornada de forma telemática e a indemnizala con 3.000 euros, a metade do que a demandante exixía.

A empregada, casada e con dous fillos, cunha antigüidade de 23 anos no seu posto e que reside fóra da cidade herculina, solicitou o teletraballo despois do retorno á presencialidade no centro da Coruña o pasado outono, mais a dirección non respondeu formalmente á petición, como así recolle a sentenza, que pode ser recorrida ante o TSXG.

O veredicto do xulgado do social sinala que no centro de Atento da Coruña só sete dos seus 300 empregados traballan a distancia, a diferenza do que ocorre no de León, onde os 300 traballadores poden facelo en remoto. Así pois, subliña o dereito recolleito na reforma do Estatuto dos Traballadores do ano 2019 a pedir a adaptación do posto de traballo en función das necesidades do empregado que, en caso de ter fillos, pode solicitalo até que estes cumpran 12 anos.

Aliás, e tras lembrar que o marido da reclamante traballa tamén fóra do municipio onde se atopa o colexio ao que acoden as crianzas, o xulgado recolle os argumentos dunha sentenza do TSXG de maio de 2021 na que determina que o titular dun dereito "non ten que demostrar unha especie de necesidade insuperábel de conciliación e a imposibilidade de que concilie a súa parella".

Segundo esta mesma resolución, os requisitos para a demandante dunha adaptación é a existencia de fillos menores de doce anos, o desexo de conciliar e a negativa do seu empregador para facilitalo. Fronte a isto, continúa o fallo do alto tribunal galego de hai dous anos, "só cabe unha oposición empresarial moi fundamentada, allea a argumentos relativos ao modo de organizar a súa familia".

Valoración de USO

USO realiza unha valoración positiva da sentenza que, en palabras do responsábel estatal do sector de contact center, David Sánchez, "vén consolidar o criterio inicial dos tribunais en canto a decantarse a favor de que o teletraballo é unha medida real e directa que favorece a conciliación da vida laboral e familiar".

"É un feito fundamentado que, polas específicas características da forma de realizar a prestación laboral no sector do contact center, a presencialidad practicamente non é un requisito indispensábel e é perfectamente viábel desde o punto de vista técnico, organizativo, produtivo ou económico, polo que se pode realizar mediante a modalidade de traballo a distancia, sinxelamente na maioría das ocasións é unha cuestión meramente de vontade e de madurez empresarial", sinalou.

Comentarios