A CIG e UXT asinan o novo convenio do metal de Pontevedra que incrementará 9% os salarios

O acordo, tamén asinado polas patronais do sector, foi rexeitado por CCOO.
Manifestación do sector do metal en Vigo o pasado 28 de xuño. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Manifestación do sector do metal en Vigo o pasado 28 de xuño (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

As tres patronais do metal (Asime, Atra e Instalectra) e os sindicatos CIG e UXT asinaron esta sexta feira o convenio colectivo do sector do metal para empresas sen convenio propio da área de Pontevedra, tras meses de conflito e pese ao non de CCOO.

Este documento, que terá unha vixencia de tres anos (até 2025), inclúe un incremento salarial de 9%, repartido nunha suba de 3% cada ano, cun máximo de 2% adicional se o Índice de Prezos de Consumo se situase por encima desas porcentaxes.

Entre outras melloras, a xornada laboral reducirase en 16 horas ao ano, mentres que os empregados e as empregadas disporán dun día máis de vacacións, até un total de 23 días hábiles.

En materia de contratación, aquelas persoas necesarias nos picos puntuais de traballo, conforme á modalidade de contrato por circunstancias da produción que contempla a reforma laboral, terán unha duración de até 12 meses, non de seis como até a data.

Esta sinatura do novo convenio chega tras meses de conflito entre sindicatos e patronal, que levaron a varias xornadas de folga e multitudinarias manifestacións na cidade de Vigo.

Votacións nas asembleas

Despois de máis de 15 encontros entre todas as partes, conseguiuse chegar a un principio de acordo, que tiña que ser aprobado polos traballadores e as traballadoras en asemblea.

Cada sindicato levou a cabo a súa propia reunión para decidir se seguían adiante co acordo coa parte empresarial, sendo aceptado o pacto por parte de UXT e CIG, mentres que CCOO decidiu rexeitalo.

Comentarios