A negociación para pór fin á folga do metal remata cunha suba de 9% nos salarios

Patronal e sindicatos asinan un preacordo de convenio que queda supeditado ao 'si' definitivo da asemblea esta quinta feira. A CIG salienta que se logrou "grazas á mobilización, á unidade e á determinación amosada polos traballadores e as traballadoras nos seis días de folga".
Manifestación do sector do metal en Vigo o pasado 28 de xuño. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Manifestación do sector do metal en Vigo o pasado 28 de xuño. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A patronal e os sindicatos do sector do metal do ámbito de Pontevedra chegaron esta terza feira a un preacordo para a renovación do convenio laboral do sector que será votado esta quinta feira nas asembleas de traballadores e traballadoras. No pacto inclúese unha suba salarial de 3% por cada ano de vixencia do convenio, de 9% en total, e ademais introdúcese unha cláusula de revisión co nivel do Índice de Prezos de Consumo (IPC) que podería alcanzar até dous puntos por enriba da suba pactada, xerando atrasos con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro. Recupérase así, sinalan as centrais sindicais, "un dereito [o cobro dos atrasos desde inicios de ano] que fora perdido en negociacións anteriores".

Tras meses de conflito, ao longo dos que se levaron a cabo até seis xornadas de folga, sindicatos e patronal chegaron a un acordo que suspendeu a folga indefinida, convocada a partir desta terza feira. "Onte [pola segunda] estivemos a tentar achegar posturas durante máis de 10 horas, practicamente até a extenuación física e psicolóxica. Cónstanos que as dúas partes fixemos esforzos relevantes, tendo en conta que partiamos de posicións moi distantes", indicaron as patronais —Asime, Atra e Instalectra— nun comunicado.

En materia de contratos, aquelas contratacións que se fagan por picos de traballo puntuais, conforme á modalidade de contrato por circunstancias da produción que contempla a reforma laboral, terán unha duración de até 12 meses, no canto de seis como no momento actual. Aliás, concederanse dúas horas máis de licenzas, até 24, para acompañamento de menores ou familiares dependentes de primeiro grao ao médico, e contémplanse 16 horas para a realización de exames oficiais de capacitación profesional.

As dietas desvincúlanse dos incrementos pactados, agás en 2025, cando si se actualizarán conforme ao incremento salarial. Tamén medrarán os importes do seguro colectivo en 2.000 euros e regularanse o plus de gardas e dispoñibilidade. Con todo, queda fóra do acordo a subrogación, que solicitara en repetidas ocasións a parte sindical e que a parte empresarial rexeitou desde o inicio por considerala un concepto que "vai absolutamente en contra da competitividade e é inxusto cos traballadores". Neste sentido, as patronais defenderon o diálogo "e non a vía da mobilización violenta" para lograr a paz social e o progreso do sector.

"Como parte empresarial non podemos esquecer loxicamente os actos violentos que sufrimos, que esperemos sexan os últimos en moito tempo. Todos sabemos que se sufriu moito coa imaxe que se deu na feira Mindtech, onde se fixo un intento de boicot que ocasionou graves prexuízos", engadiron.

"Grazas á mobilización"

A federación de Industria da CIG apuntou que "aínda que non se obtivo todo o que se reivindicaba na plataforma sindical, fica claro que foi só grazas á mobilización, á unidade e á determinación amosada polos traballadores e as traballadoras nos seis días de folga, que a patronal entrou en razón e mudou a súa postura intransixente".

A través da loita, precisaron desde a central nacionalista, "conseguíronse frear as pretensións das asociacións empresariais de recortar dereitos xa consolidados en negociacións anteriores e precarizar as condicións laborais".

Comentarios