Volven a tensión e as cargas policiais ás protestas dos traballadores do metal en Vigo

Miles de persoas bloquearon os accesos á factoría de Stellantis, momento no que os antidisturbios fixeron acto de presenza.
Carga policial nos arredores da fábrica de Stellantis. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carga policial nos arredores da fábrica de Stellantis. (Foto: Europa Press)

A quinta xornada de folga do sector do metal levou milleiros de traballadores a bloquear os accesos á planta de Stellantis en Vigo, onde, no medio dunha gran despregadura policial, decenas de antidisturbios efectuaron varias cargas contra os manifestantes. A marcha desta quinta feira comezou en praza América e rematou, contra as 13.30 horas, ante a factoría automobilística, concentrándose diante do lugar coincidindo co cambio de quenda do persoal, mentres os axentes organizaban unha barreira de contención.

Após uns minutos de tensión nos cales se chegaron a rexistrar pelexas entre os propios manifestantes e con fotógrafos, houbo lanzamento de botellas de cristal, pedras, pólas de árbores e mesmo un sinal de tráfico. Algúns coches aparcados nas inmediacións resultaron danados. Entón comezaron varias cargas policiais e os axentes chegaron a disparar material antidisturbios para tentar despexar a avenida de Citroën, mentres os manifestantes intensificaban o lanzamento de botellas e algunha bengala cara á zona dos axentes.

Os sindicatos do metal da provincia de Pontevedra, mantiveron máis unha xornada, así, o pulso á patronal, no marco do bloqueo na negociación do convenio provincial do sector. Desde media mañá miles de traballadores percorreron as rúas de Vigo volvendo corear consignas como "somos traballadores e non escravos" ou "se o IPC sobe, os salarios tamén".

Os responsábeis das distintas organizacións sindicais advertiron de que "á patronal se lle acaban as escusas" e instaron os representantes das empresas a volver sentar para desbloquear as negociacións; iso si, "sen condicións". Neste senso, insistiron en que as demandas dos sindicatos "non son desproporcionadas" e subliñaron o éxito no seguimento da folga, secundada "de forma voluntaria e sen incidentes" nunha nova xornada.

En declaracións aos medios antes de que a manifestación iniciase a súa marcha, os representantes de CCOO, UXT e CIG advertiron que manterán as mobilizacións mentres a patronal non volva negociar. Celso Carneiro, de CCOO-Industria puxo en valor o apoio de traballadores á folga, e subliñou que o actual escenario non é o do conflito de 2009, cando había menos carga de traballo. "Moitas empresas dinnos que están a perder diñeiro agora e entenden as peticións que facemos", engadiu.

Xulio Fernández, da CIG, advertiu que a patronal "ten que convocar si ou si" a mesa de negociación, e atribuíu aos empresarios a "responsabilidade" de que se poña fin ao conflito. "Teñen que deixar dunha santa vez de enviar comunicados que buscan dividirnos", apuntou, e proclamou que a folga "está a ser un éxito total", e que "non ten sentido que quen queira estar nunha mesa de negociación estea a mentir e insultando".

Varios centenares de traballadores do metal volveron tomar as rúas de Vigo esta quinta feira. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Varios centenares de traballadores do metal volveron tomar as rúas de Vigo esta quinta feira. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Finalmente, o representante de UXT, Rubén Pérez, valorou tamén o gran seguimento dos paros, cunha presenza "case testemuñal" dos piquetes, porque os traballadores están a parar "de forma voluntaria". Aliás, lamentou que "a patronal está a xogar cunha tremenda irresponsabilidade" porque as reivindicacións son "lexítimas e nada desproporcionadas", e pediu "sentido común, no canto de estar a lanzar comunicados incendiarios".

Esta sexta feira está prevista unha nova xornada de folga no metal da provincia e unha nova manifestación na cidade de Vigo. E os sindicatos manteñen convocados os paros do 12 e 13 de xullo e xa volveron advertir de que non aceptan a exixencia da patronal de desconvocar as mobilizacións para volver sentar a negociar.

Comentarios