Estas son as mobilizacións da CIG este 1 de xuño contra o V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva

“Un mal acordo polos seus contidos, polas súas renuncias e porque fai concesións a reivindicacións históricas da patronal”, segundo sinalan desde a CIG.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de Organización do sindicato, Susana Méndez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e a secretaria de Organización do sindicato, Susana Méndez. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) ten convocadas para a próxima quinta feira, 1 de xuño, asembleas de delegadas e delegados así como mobilizacións nas sete cidades galegas e mais Ribeira en rexeitamento ao V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva, asinado por CCOO, UXT, CEOE e Cepyme, o pasado 10 de maio.

“Un mal acordo polos seus contidos, polas súas renuncias e porque fai concesións a reivindicacións históricas da patronal”, segundo sinalan desde a CIG.

O V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) asinado polas patronais CEOE e Cepyme cos sindicatos CCOO e UXT constitúe, de acordo coa central sindical, “un novo capítulo do diálogo social, neste ocasión bipartito, dentro do proceso permanente de pacto social, estatalización e centralización da negociación colectiva en Madrid”.

Desde as primeiras liñas do Acordo faise “unha aposta polo diálogo social, unha posta en valor e autoxustificación, entendíbel por parte de CEOE-Cepyme” pero “lamentabelmente asumida e defendida por CCOO e UXT”. Para a CIG, estamos ante a confirmación do “entreguismo sindical a reivindicacións históricas da patronal e a axenda dos Gobernos en cumprimento do plano de axuste que a política neoliberal da UE vén exixindo aos Estados, nomeadamente ao español, para acceder aos fondos europeos”.

“En síntese, un diálogo social que, máis que nunca, está branqueando, unha vez máis, a ofensiva do capital contra o traballo, que nesta fase histórica iniciada tras a pandemia, está marcada pola caída do poder adquisitivo dos salarios, a extensión ao conxunto da clase traballadora dos baixos salarios, da flexibilidade, inseguridade e inestabilidade laboral, institucionalizando os abusos patronais e a precariedade laboral e a parcialidade do traballo co fomento da contratación fixa-descontinua, traballo a tempo parcial e demais”, indica a CIG.

Para alén diso, en opinión do sindicato nacionalista, “estamos ante un novo mal acordo fundamentado na renuncia de CCOO e UXT a facer da loita, da mobilización e da folga na acción sindical e na negociación colectiva a mellor ferramenta para afrontar a actual crise e a inflación descontrolada”.

"Ningún tipo de solución"

De feito, apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o acordo estabelece unha vixencia temporal de 2023 a 2025, deixando fóra os anos 2021 e 2022, “precisamente nos cales se ten xerado a maior inflación, de 12,20%” polo que denuncia que se “agasallan á patronal estes dous anos, xa que no acordo non se contempla ningún tipo de solución”.

Xunto a isto, denuncia que se inventan o concepto ‘Medida Preventiva de Conflitos’, cun chamamento á paz social que considerou “unha declaración sen precedentes de desmobilización”, cando “o sindicalismo tería que estar á altura das circunstancias a través da loita e da mobilización, para conquistar melloras nas condicións de traballo”.

Horas e lugares das mobilizacións e das asembleas

A Coruña:

  • 10.30 horas, asemblea no local sindical (Avda. Alfonso Molina).

  • 12 horas, concentración na CEC (Praza de Luís Seoane, Monelos).

Compostela:

  • 10 horas, asemblea no Hotel Compostela.

  • 12 horas, manifestación da Praza de Galiza á sede da Confederación de Empresarios/as.

Ferrol:

  • 10 horas, asemblea no salón de actos do local sindical (r/ Eduardo Pondal).

  • 12 horas, concentración diante de COFER (Cantón de Molíns 8-9).

Lugo:

  • 10.30 horas, asemblea no edificio sindical (Ronda da Muralla).

  • 12.30 horas, concentración na sede da CEL (Praza de Santo Domingo).

Ourense:

  • 10 horas, asemblea no salón de actos do edificio sindical (Parque San Lázaro).

  • 12 horas, concentración diante da CEO (Praza das Damas).

Pontevedra:

  • 10 horas, asemblea no local sindical (Pasantería).

  • 11.45 horas, manifestación do local sindical até a sede de AEMPRE (Virxe do Camiño).

Ribeira:

  • 10.30 horas, asemblea ás no local sindical (r/Estatuto).

  • 12 horas, concentración na Praza do Centenario.

Vigo:

  • 10 horas, asemblea no salón de actos dos Padres Capuchinos (Vázquez Varela, 15).

  • 12 horas, manifestación, desde o lugar da asemblea até a sede da CEP (García Barbón).

Comentarios