A CIG critica que o acordo entre CCOO, UXT e a patronal non recupere poder adquisitivo

Para a central sindical nacionalista o preacordo anunciado nesta sexta feira supón un empobrecemento dos salarios.

Manifestación da CIG en Vigo o 1º de maio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación da CIG en Vigo o 1º de maio. (Foto: Nós Diario)

Após o anuncio de que CCOO, UXT, CEOE e Cepyme terían chegado esta sexta feira a un preacordo para incrementar os salarios 4% en 2023 e 3% para os anos seguintes, a CIG advirte: “estamos ante un mal acordo”.

O seu secretario xeral, Paulo Carril, explica que a suba anunciada polos sindicatos españois e pola patronal non implica a recuperación do poder adquisitivo dos salarios. Máis ben, “impón a moderación salarial e o empobrecemento dos salarios”.  

“Hai que ter en conta que é un acordo publicitado nun contexto no que se fixeron anuncios de grandes mobilizacións, que nós [a CIG] xa advertíamos que o que na realidade xa significaban era o anuncio de grandes renuncias”, engade o secretario xeral da central sindical.

“E hai que ter en conta que é un mal acordo porque elimina dos anos de vixencia os dous peores anos onde se ten acumulado maior inflación e carestía da vida, que é o ano 2021 e 2022 que suman un IPC do 12,2 %”, explica Carril. Polo tanto, segundo a CIG, a proposta de CCOO, UXT, CEOE e Cepyme deixaría fóra os dous anos nos que se ten producido unha maior caída dos salarios.

A nova do preacordo salarial chega nun mes no que o Instituto Nacional de Estatística (INE) adiantaba unha inflación interanual de 4,1% (unha décima por riba da proposta de suba para 2023), un novo ascenso logo da baixada experimentada en marzo. Pola súa parte, a inflación subxacente (que non ten en conta alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) marcaría en abril unha taxa de 6,6%.

Moderación salarial

“Ademais, é un acordo no que mesmo rebaixan as súas propostas iniciais CCOO e UXT, tanto nas propostas de incremento de partida como a cláusula de revisión salarial”, di Carril, en relación á proposta inicial destes sindicatos que supoñía unha suba inicial de 5% para 2022, 4,5% para 2023 e 3,75% para 2024. “A cláusula de revisión salarial é inexistente porque no mellor dos casos podería ser aplicábel até un máximo dun 1%”, engade.

“Polo tanto, é un acordo que impide a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, impón unha moderación salarial e impón que o custe da vida e a inflación os asuma a clase traballadora, empobrecendo máis os salarios, mentres as empresas seguen acumulando beneficio millonario, como viñemos denunciando estes últimos meses”, sentencia Paulo Carril, secretario xeral da CIG.  

Comentarios