A CIG volve gañar as eleccións no Sergas

O sindicato obtén 68 dos 299 representantes elixidos en todo o país. Na segunda posición fica CSIF —que inclúe membros da CESM—, con 58.
Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)

As eleccións sindicais no Sergas, á que estaba chamado a participar todo o persoal do sistema sanitario público da Galiza, resolvéronse cunha nova vitoria da CIG-Saúde, que obtivo un total de 68 delegados e delegadas. En segunda posición, seguindo de perto esta central sindical, ficou a CSIF, con 58, nunha candidatura na que se incluíron representantes da CESM —se ben finalmente non puideron concorrer oficialmente en coalición—.

A terceira posición foi para Comisións Obreiras, con 49 sindicalistas nas diferentes áreas sanitarias, e na cuarta quedou UXT, con 38, seguida do sindicato de enfermaría Satse (29), USAE (27), O'Mega (22), Prosagap (5) e COBAS (3). A CIG entra así con cinco representantes na nova Mesa Sectorial de Sanidade, xunto cos catro de CSIF-CESM, os tres de CCOO e os outros tres de UXT.

Desde a CIG valoran "moi positivamente" este "histórico resultado" nas urnas, gañando dous representantes a respecto da anterior cita electoral, en 2019, cando obtivera 66. "Nos próximos catro anos teremos que dar resposta a unha verdadeira crise sanitaria como consecuencia das políticas sanitarias do Partido Popular", destacan.

A CIG agradece o apoio do persoal para lograr un "resultado histórico" nas urnas

A central sindical comprométese a "seguir traballando por unha solución global para a Atención Primaria", hoxe un dos estratos do sistema sanitario que maiores dificultades atravesa, e exixirá tanto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "que asuman as súas responsabilidades diante do fracaso das políticas que nos trouxeron a esta situación".

CIG-Saúde agradece o "apoio recibido das traballadoras e traballadores" para lograr un resultado que "non fai máis que reforzar o compromiso de continuar coidando xuntas a sanidade pública". "E o primeiro paso para coidar a sanidade pública é defender os dereitos das súas traballadoras e traballadores", precisa.

Avoga, aliás, por un "sindicalismo forte que defenda non só os dereitos das traballadoras e traballadores, senón tamén os intereses das galegas e galegos". E, para iso, inciden, cómpre "seguir combatendo a precariedade, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións".

Nos anteriores comicios, após a CIG (66 dun total de 287) ficaran CCOO (39 delegados e delegadas), CSIF (38), UXT (32), O'Mega (23), USAE (19), Prosagap (16), CESM (15), TSP (2), COBAS (2) e SEPXG (2).

Comentarios