CIG denuncia unha fenda salarial de 30% en Copo Galicia

As traballadoras da empresa gañan 6.000 euros anuais menos que os seus compañeiros homes.
Mobilización da CIG onte diante de Copo Galicia, en Mos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización da CIG onte diante de Copo Galicia, en Mos. (Foto: Nós Diario)

Arredor de 200 delegadas e delegados da CIG participaron onte nunha mobilización convocada pola Secretaría das Mulleres diante da empresa Copo Galicia, con sede en Mos (comarca de Vigo), para denunciar a "inaceptábel situación de discriminación" que padecen as traballadoras desta compañía da automoción, que ingresan de salario base, segundo a central sindical, 6.000 euros menos ao ano que os seus compañeiros homes

A protesta decorrida onte en Mos fai parte da campaña que vén de pór en marcha a CIG no conxunto do país baixo o lema 'Imos rematar coa fenda salarial', co obxectivo de denunciar esta situación e de darlle visibilidade unha problemática que se repite en todos os sectores. 

A secretaria das Mulleres da CIG Vigo, Ester Mariño, dirixiuse ás numerosas persoas participantes da mobilización para explicar que perto da metade do cadro de persoal de copo Galicia son mulleres, sendo a empresa co cadro de persoal máis feminizado do Grupo.

"A compañía asigna os diferentes traballos en función do xénero das persoas, ocupando as mulleres os postos ligados a costura e os homes, os postos de mantemento ou de fabricación. Esta diferenciación válelles como base para aplicarlle ás mulleres o convenio da industria téxtil e aos homes, o da química", censurou.

Así, segundo denunciou Mariño, as mulleres cobran o salario mínimo en concepto de salario base segundo o convenio. Mentres, os homes ingresan arredor de 20.000 euros anuais.

Fenda salarial de 30%

"O que supón unha diferenza duns 6.000 euros anuais só no salario base, representando unha fenda salarial de 30%", sinalou Mariño, "ao que hai que sumar que as mulleres traballan 8,25 días máis ao ano por menos diñeiro".

Por isto, a CIG reclamoulle á dirección que aplique o mesmo convenio colectivo a todo o persoal de Copo Galicia

Comentarios