No centro de saúde de Monfero hai unha única doutora para atender unha poboación de case 2.000 habitantes. Esta situación, que xa denunciara Nós Diario o pasado mes de maio, agravouse nas últimas datas.
"Até o pasado día 15 de xuño tiñamos un médico de apoio un par de días á semana, mais desde esa data non o volvemos ter", sinala a este xornal un dos veciños afectados, que até o de agora xa recadaron máis de 500 sinaturas e presentaron senllas reclamacións ante a xerencia da área sanitaria de Ferrol para exixir un reforzo do servizo.
Esta situación provoca que, de acontecer unha emerxencia, o centro de saúde fique sen ningún profesional ao cargo: "A semana pasada a doutora tivo que saír a un traslado e estivo dúas horas fóra", comenta.
Malia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estipula que o tempo dunha visita a un domicilio é de 15 minutos contando o desprazamento, a ampla extensión de Monfero imposibilita esta marxe horaria.
Hai poucos días, así mesmo, déronse dúas urxencias á mesma hora no centro: "A alternativa que lle deron á doutora desde o 061 foi que escollese cal era a prioritaria. Até que punto unha profesional pode aturar esta carga de traballo, tanto física como mentalmente?", cuestiona o mesmo veciño.
"E levamos dúas fins de semana onde o centro de saúde só conta cun enfermeiro, xa que desde a xerencia non se envía ningún médico", engade, e amósase preocupado polo que acontecerá cando a médica colla os días que lle corresponden de vacacións.
A veciñanza prevé realizar unha concentración nos vindeiros días para reclamar o que consideran o seu "dereito".