Usuarias do centro de saúde de Monfero comezaron unha campaña de recollida de sinaturas para protestar ante o Sergas polo que consideran unha deficiente atención sanitaria. Ademais das reclamacións, algunha persoa presentou, a nivel particular, a súa protesta ante a Valedora do Pobo.
Segundo informa un representante do colectivo, até finais de 2020 había dous médicos no cadro de persoal do ambulatorio. Un xubilouse e “a xerencia da área sanitaria intentou cubrir a súa vacante cun médico que ven unhas horas un par de días á semana”, explican.
No entanto esa atención xa era complexa e, ademais, desde mediados deste mes desaparece ese segundo facultativo da programación.
“Podemos entender que un médico polo ratio pode ser suficiente mais o problema que vemos é que o concello de Monfero presenta dúas características que fan inviábel ter un bo servizo con un so médico: a súa extensión e a idade das doentes”, indica.
Así, percorrer a xeografía do municipio non é algo rápido e, ademais, moitas persoas son dependentes e non teñen facilidades para achegarse ao centro de saúde. En consecuencia, se só hai un doutor que sae ás visitas a domicilio, o ambulatorio queda “sen médico e a xente citada ten que agardar a que volva”. Malia que o Sergas estipula “o tempo dunha visita a un domicilio de 15 minutos contando o desprazamento”, cando o tamaño do concello fai imposíbel eses máximos.
A xestión das reclamacións, para unha soa administrativa "poco a poco"
“Que pasaría se por un casual se dan dúas urxencias ao mesmo tempo?”, preguntan como problema engadido, a maiores da “saturación mental e física”.
“Ante a avalancha de reclamacións presentadas no centro, a administrativa vendo que si se centraba en facelas segundo o protocolo non podería atender as necesidades do centro decidiu mandalas nun sobre e cal é a nosa sorpresa que llas devolveron cunha nota que dicía "gracias, pero tienes que hacerlo poco a poco", engade o voceiro.
Esta demanda de persoal para a Atención Primaria dos concellos máis rurais ou afastados non é nova, pois Guitiriz ou A Guarda, entre outros teñen protagonizado queixas similares.
Porén, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, advertía esta cuarta feira no Parlamento que a Xunta non tiña culpa de que as profesionais non quixeran ir, por exemplo, a traballar na Guarda. “Se non o quere ninguén, será culpa nosa tamén?”, ironizou en referencia a un contrato de 60.000 euros anuais na vila.