O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta sexta feira o anteproxecto de reforma para a cabeceira sur da ponte do Burgo, que transformará este espazo nunha gran praza “de pedra e verde”.
Lores incidiu en que “a idea é aproximar o río á cidade”, ademais de “mellorar a calidade urbana de todo este espazo” e a conexión da Ponte do Burgo con Pontevedra.
Ademais, pretende potenciar os restos arqueolóxicos da zona ao tempo que se “mellora a accesibilidade e a seguridade viaria do Camiño Portugués a Santiago”, que transcorre por este enclave urbano.
Detalles do proxecto
O anteproxecto da nova praza contempla un espazo de plataforma única e sen barreiras arquitectónicas e cunha pasarela transparente, que pasará por riba do patrimonio arqueolóxico situado nesta zona.
Como resultado, Pontevedra “gañará” outra gran praza de pedra que contará con árbores e que funcionará como unha continuación da Ponte do Burgo. Para gañar todo este espazo peonil eliminaranse dous carrís de circulación, un en cada sentido.
O alcalde tamén detallou que o anteproxecto contempla tamén a creación dunha rampla de acceso aos restos arqueolóxicos que funcionará como un pequeno auditorio onde a xente poderá sentar.
Finalmente, Lores informou que xunto a esta reforma tamén está a elaborar un proxecto de “consolidación e posta en valor” de todos os achados arqueolóxicos da zona, da man da área de Patrimonio histórico, dirixida polo concelleiro Xaquín Moreda.