As queixas, o malestar social e os ataques desde outros partidos políticos fixeron que o Goberno do Estado español pense de novo a medida que presentou ante a Unión Europea para cobrar peaxes nas autovías no horizonte de 2024 -e posibelmente nun futuro o resto de estradas- e o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, afirmou hoxe que non a van levar adiante se non teñen o apoio do resto de partidos políticos con representación no momento de tomar a decisión definitiva.
"Como é unha reforma estrutural é importante, cando haxa unha proposta real o Goberno virá ás Cortes para debatelo entre todos os grupos parlamentarios para ver que se fai, pero se non hai consenso, a proposta non sairá adiante", aclarou o representante da equipa de Pedro Sánchez, nun intento de calmar os ánimos das usuarias e usuarios.
Así o explicou no pleno do Senado, onde debullou a batería de iniciativas pensadas para o plan de recuperación no que se demandan fondos europeos.
Malia que a súa compañeira, a galega Nadia Calviño, dicía hai escasos días que a política do pago por uso era “o máis xusto”, Ábalos non é alleo ás críticas. De feito, parte dos impostos xa van destinados ao mantemento da rede de infraestruturas.
Neste sentido, quixo remarcar que só querían abrir o debate sobre o gasto e a posibilidade dun novo copago da cidadanía por empregar instalacións como a A-6 -principal vía de saída da Galiza- ou a A-8, que conecta o país con todo o litoral cantábrico.
"Somos conscientes de que temos que facer unha reflexión sobre como manter a rede de alta capacidade, pero iso non é un problema novo, senón bastante recorrente. O como e o cando haberá que decidilo entre todos", subliñou.
Cruce de acusacións
O PP acusouno de mentir e pediu a súa dimisión pola intención socialista de “privatizar as estradas”. "É un disparate e un atraco a man armada ao peto dos españois, porque as autovías xa están construídas e non necesitan de financiamento externo, xa están pagas vía presupostos do Estado", espetou o senador Francisco Martín Bernabé.
A resposta do representante do Goberno estatal foi criticar a “hipocrisía e demagoxia” popular, pois lembrou que o partido subiu moitas portaxes.
"Somos o único Goberno de España que non prorrogou ningunha autoestrada, liberamos xa 550 quilómetros e este ano liberaranse outros 480 quilómetros, aforrando aos españois até 1.100 millóns de euros”, presumiu o responsábel de Transportes.
Tamén fixo un aceno a Galiza, onde non se entendera a negociación da rebaixa dos custes da AP-9 coa nova estratexia para as autovías, e remarcou: “Baixamos un 30% as peaxes dependentes do Estado, subido as bonificacións un 60% e tamén acometeremos unha rebaixa histórica na AP-9”.