O anuncio do Goberno español de implantar portaxes nas autovías e estradas do Estado é para o Bloque Nacionalista Galego (BNG) unha medida con efectos especialmente negativos para as clases populares e para a Galiza, cuxa situación xeográfica periférica na Península e en Europa incrementará os custos das actividades económicas.
Por todo isto o deputado nacionalista nas Cortes españolas, Néstor Rego, anunciou que presentará iniciativas que eviten esa medida e chamará a sociedade galega á mobilización.
“Non se pode pretender vender como ecolóxica unha medida que realmente vai gravar as clases populares, con máis dificultades para afrontar o pagamento das portaxes, e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que continuarían a perder competitividade”, sinalou o deputado nacionalista.
O BNG considera inaceptábel que o Goberno español, ademais de incumprir o compromiso de baixar a portaxe da AP-9, agora pretenda implantar portaxes nas autovías. “Cando no resto do Estado español a maior parte das autoestradas están a pasar a ser gratuítas, aquí teremos que continuar a pagar pola AP-9, pola AP-53 e tamén polas autovías? Non é xusto”, enfatizou Néstor Rego.
Sinala tamén o BNG que as portaxes nas autovías tería o efecto de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte.
A ollos do PP, o PSOE e Podemos 'bloquean' o traspaso da AP-9
O deputado do Grupo Parlamentario Popular por Ourense, Celso Delgado, acusou ante o Partido Socialista (PSOE) e a Unidas Podemos-Galiza en Común de "bloquear" no Congreso dos Deputados a tramitación da proposición de lei para a transferencia da autoestrada AP-9 ao Goberno da Galiza.
Delgado remitiu aos medios un comunicado a través do que fixo a denuncia do “abuso" que, na súa opinión, "están a cometer PSOE e Podemos-Galiza en Común na Mesa del Congreso ao paralizar a tramitación da iniciativa.
O 2 de febreiro, o pleno da Cámara Baixa debateu a toma en consideración da citada proposición de lei, o día 12 acordouse encomendar o ditame da mesma á Comisión de Transportes e dispor a súa tramitación polo procedemento de urxencia. Así as cousas, abriríase un primeiro prazo de oito días, que expiraría o 24 de febreiro, para que deputados e grupos parlamentarios presentasen as súas emendas.
É aí onde estabelece Delgado a súa denuncia, pois segundo o deputado do PP, desde entón acordáronse 10 prórrogas, das que oito foron aprobadas coa oposición dos dous deputados do seu partido que integran o órgano, Ana Pastor e Adolfo Suárez.
A pesar de que o PP rexeitou en numerosas ocasións, e desde o Goberno de Feixoo, o traspaso da AP-9 á Galiza, para Celso Delgado é agora “inxustificábel que unha iniciativa cuxa toma en consideración foi aprobada por 287 deputados e que se decidira tramitar por procedemento de urxencia se atope deliberadamente bloqueada polos partidos que teñen o control da Mesa”.
Neste cambio de posición, Delgado "teme" que PSOE e Podemos-Galiza en Común “pretendan con estas inexplicábeis prórrogas de prazos que a proposición de lei non chegue a tramitarse e que non poida mellorarse coas emendas e finalmente aprobarse”.
O deputado popular salienta que a titularidade galega da citada autoestrada permitirá ao Goberno da Xunta dispor dunha ferramenta de "xestión directa que se adapte ás necesidades da Galiza". Así, sentencia o político do PP que a AP-9 “é o eixo que conecta o litoral galego e cinco das sete cidades e que sustenta boa parte da economía e da mobilidade cotiá”.