Que pasa coa AP-9?

Recorte no horizonte: o Goberno estatal planea cobrar polo uso de autovías

O Executivo de Pedro Sánchez quere implantar portaxes na rede de autoestradas e autovías para financiar os custos asociados á súa conservación. Unha medida que forma parte do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno para recibir as axudas da UE.

Imaxe dunha peaxe (Xunta da Galiza)
photo_camera Imaxe dunha peaxe (Xunta da Galiza)

Cando Galiza agarda pola redución de peaxes na AP-9, a autoestrada máis custosa do Estado español, con encarecementos nas portaxes sostidos nos últimos catro anos, vén de coñecerse que o Goberno estatal planea implantar peaxes na rede de autoestradas e tamén de autovías. Unha das reivindicacións das construtoras.

Así o recolle no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, vinculado á recepción de axudas económicas da UE no contexto da Covid-19. Un documento que se vai filtrando aos poucos e en que se advirte “É preciso desenvolver un sistema de pagamento por uso da rede de vías de alta capacidade que permita cubrir os custos de mantemento e integrar as externalidades negativas do transporte por estrada como sucede co resto de infraestruturas”.

Segundo o Goberno de Pedro Sánchez, o déficit de investimento na conservación e mantemento das autoestradas e autovías achégase aos 8.000 millóns de euros.

“Revisarase o financiamento das vías de alta capacidade e estabelecerase un sistema de ingresos que garanta os fondos necesarios para a conservación da rede viaria estatal”, acrecenta o documento que o Executivo presentará a Bruxelas.

En 2019 o ministro de Transportes e Infraestruturas, José Luis Ábalos, formulou publicamente a necesidade de pagar polo uso de autovías baixo dous preceptos: que sexan pagadas en primeiro lugar polos que as usan e en segundo lugar por quen máis contaminan.

No Simposio de Observatorio da Mobilidade, Ábalos apuntara que ficarían fóra da medida os pagamentos das usuarias e usuarios particulares, mentres que as empresas terían que pagar unha portaxe.

“Aos que non lles queda outra, como os que van traballar, non hai por que gravalos, mais si aos que circular por estas vías lles fai ser máis competitivos na súa actividade, xa que se benefician do nivel de infraestruturas”, afirmara.

E a AP-9?

Hai unha semana, o 9 de abril, Ábalos mantiña unha reunión co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, en que lle trasladou que as bonificacións das peaxes da AP-9, que formaba parte do acordo de investidura de Sánchez asinado entre PSOE e BNG, sería unha realidade a comezos do verán.

Bonificaríase o 100% da viaxe a quen volva polo mesmo tramo nun prazo de 24 horas e quen realizase máis de dez viaxes de ida e outros tantos de volta no mesmo mes tería un desconto do 20% nas peaxes.

Tamén se comprometeu a eliminar a portaxe do tramo de Redondela, e o de Vigo e Tui reduciría o seu prezo á metade.

Comentarios