Ábalos confirma que a AP-9 comezará a bonificarse en dous meses

O Ministro José Luis Ábalos confirma despois de reunión con Alberto Núñez Feixoo o comezo das bonificacións da AP-9, a chegada do AVE no outono e a apertura do tunel da Cañiza.
Núñez Feixóo reúnese co ministro de Transportes, José Luis Ábalos. (Foto: Arxina)
photo_camera Núñez Feixóo reúnese co ministro de Transportes, José Luis Ábalos. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, reuníronse na mañá da sexta feira no Pazo de Raxoi (Compostela) para rematar os temas pendentes na xuntanza que tiveran o 10 de marzo en Madrid.

No que atinxe as bonificación da peaxes da AP-9, que formaba parte do acordo de investidura do PSOE co BNG e que desde o Goberno español atrasaran nos últimos meses, Ábalos confirmou que serán unha realidade a comezos do verán.

Ademais da bonificación do 100% da viaxe ás persoas que volvan polo mesmo tramo nun prazo de 24 horas, tamén quen realice máis de 10 viaxes de ida e outros tanto de volta ao mes terá un desconto do 20% nas peaxes mensuais.

Outra das medidas anunciadas e a eliminación da peaxe do tramo de Redondela, mentres que o tramo entre Vigo e Tui reducirá o seu prezo a metade.

Estas rebaixas serán asumidas polo Ministerio de Transportes, que terá que abonalas a Audasa, a concesionaria, coa cal aínda non chegaron a ningún acordo.

Despois de varios anos de atraso, Ábalos afirmou que o tren de alta velocidade estará operativo na Galiza antes do final deste ano, e marcou no 2024 a estrea da conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense. Esta última obra contará cun orzamento de 546 millóns.

Mes e medio despois do fechamento do túnel da Cañiza, Ábalos tamén confirmou que a finais de mes estará en funcionamento.

Na xuntanza marcouse un calendario para repetir cada catro meses o encontro bilateral, na rolda de prensa posterior indicou que se sumaron á axenda a mellora da rede ferroviaria entre Coruña e Ferrol e a licitación este mes do estudo de alternativas para a conexión con Portugal desde Vigo.

Angrois

A pesar de comprometerse no seu momento coas vítimas do accidente de Angrois a destituír a Andrés Cortabitarse, director de seguridade na circulación de ADIF no intre do accidente, cando a súa imputación estivera ratificada, Ábalos defende agora mantelo no seu posto actual, nun cargo de libre designación.

A resposta da plataforma de afectados foi que Ábalos non ten “ningún respecto e ningunha sensibilidade”, e causou as vítimas “máis dor aínda” declarou Jesús Domínguez, voceiro da plataforma.

Ana Pontón

Pola mañá, a líder da oposición, Ana Pontón, sinalou que “agardemos que esta vez a xuntanza remate con compromisos, con investimentos e con prazos concretos en materia de infraestruturas que levan anos de atrasos”.

“Queremos cifras, queremos datas e queremos ver as licitacións publicadas no BOE (Boletín Oficial do Estado) e non declaracións protocolarias, titulares e fume” espetou.

Desde Burela, onde participou nun encontro co sector pesqueiro, Pontón afirmou que desde o BNG “non imos permitir máis discriminacións nin agravios”, e advertiu que van estar moi atentas a xuntanza pois o BNG “non vai quedar mudo se pretenden pactar unha nova discriminación neste País”.

Gonzalo Caballero

Despois do anuncio feito por Ábalos, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, vangloriouse nun acto en Pontevedra da “rebaixa histórica” da AP-9, destacando que é un “goberno progresista” quen toma a medida.

Comentarios