En que consiste o proxecto Días contados?
O proxecto trata sobre a recollida e tratamento da información para a elaboración dunha serie de materiais por parte do alumnado en relación coa memoria familiar e interxeracional. Esa era a idea xeral. Formaba parte doutro macroproxecto que había dentro do centro relacionado co coidado, e nós decidimos enfocalo no coidado da memoria.
Consistiu nunha serie de entrevistas de cada unha das alumnas a unha persoa da xeración anterior e a outra da seguinte que pertencesen a súa familia. Nais e avoas, escollidas con criterios de paridade. Cos datos recompilados das entrevistas, empezaron a facerse tarefas máis concretas, relacionadas tanto coas propias familias como coa contorna da vila.
Para vostede, cal é o obxectivo ou obxectivos principais de todo o traballo?
Penso que o obxectivo fundamental é recuperar a memoria e, ao mesmo tempo, facilitar que as máis novas poidan relacionarse coas xeracións familiares que os antecederon, ademais de coa veciñanza e outras persoas do concello. Ademais, queríamos acadar a maior visibilidade posíbel, e por iso apostamos por un formato audiovisual que fose sinxelo de difundir en redes. A idea fundamental era recuperar a memoria máis próxima ao alumnado. Eles conviven con esta memoria, pero non se chega a falar sobre estes temas. A partir do proxecto saíron moitas historias relacionadas coa emigración, cos primeiros oficios e traballos, como era a formación das mulleres noutras épocas... Días contados deu pé a que moitos departamentos do colexio puidesen adaptar actividades que tivesen relación coa iniciativa.
Cal foi a principal ensinanza que obtivo o alumnado durante o transcurso de Días Contados?
Os dous aspectos que destacaría son a evolución no pensamento e a toma de conciencia do alumnado con respecto da súa contorna familiar. Aprenderon sobre a importancia que ten a vida das persoas próximas a eles.
Tiñan un descoñecemento desa realidade. Ademais, a partir desa interacción con persoas cunha maior experiencia, maduraron moito. Penso que houbo unha evolución moi positiva das rapazas. A relación tanto coas súas familias como entre elas volveuse moito máis intensa. Ao ser unha comunidade pequena, era moi sinxelo que as historias de unhas e outras tivesen relación ou compartisen protagonistas.
Que acollida tivo o proxecto?
En xeral, a acollida foi moi boa. Por un lado, as familias do alumnado mostráronse moi sorprendidas porque lles chamou a atención ser o obxectivo principal do proxecto e da aprendizaxe das rapazas.
As familias non adoitan ser o foco de atención cando se trata do ámbito estudantil. Ademais, iso nos permitiu recompilar moito material documental e audiovisual, que era algo que tiñamos claro que queríamos facer. Pensamos que era necesario darlle ás familias a oportunidade de gardar toda esa información e toda a memoria antes de que se puidese perder co paso do tempo.
Son importantes proxectos como Días Contados para pór en valor o coidado da memoria e dos maiores?
Paréceme algo fundamental. O tema dos coidados, tanto físicos como mentais é moi importante. Foi curioso decatarse durante a elaboración do proxecto que as mulleres foron e seguen a ser as que se ocupan de xeito case total dos coidados no que ten que ver co ámbito familiar. É importante de que se tome conciencia de como era vida hai décadas para contrastar a realidade de épocas pasadas coa nosa propia realidade.