En que estado se atopa actualmente a ponte da Piñeira?
A ponte da parroquia de Piñeira atópase fechada agora mesmo e nun estado complicado, coa súa estrutura comprometida. Onte o Goberno municipal decidiu decretar o corte total do tráfico, despois de atender diversos estudos técnicos que lle proporcionou a empresa Estraco S.A., contratada pola vía de urxencia para que reforme a ponte.
Nun principio a idea era só cortar o tráfico de vehículos pesados, máis os estudos desta empresa mostraban que era imprescindíbel o corte total do tráfico, porque existe o serio risco de derrubamento. Non é só que colapsase un dos tres piares centrais da estrutura. Na marxe dereita do río, onde se une a cemba coa viga central, abriuse unha fendedura importante.

Foi o seu grupo municipal o que detectou esta deficiencia na ponte, ou llo trasladou a veciñanza da parroquia?
Xa houbo xente que na pasada sexta feira compartiu algunha foto, pero a min chegoume na segunda feira o do escorregamento dese piar que rematou por colapsar. Na terza feira fomos até o lugar no que está a ponte e vimos cal era a situación real da infraestrutura. Estivemos falando coa veciñanza e foron eles os que nos trasladaron a petición.
Ao día seguinte, a través dunha instancia, o BNG de Monforte fixo unha solicitude ao Concello solicitando que se cortase o tráfico de vehículos pesados e que comezase unha valoración preliminar do estado da ponte, xa que todo o proceso de arranxala levaría moito máis tempo e isto tiña un carácter urxente. Pensábamos que cortar o tráfico era unha medida necesaria e primordial.
O alcalde de Monforte, José Tomé, mencionou a medios locais unhas protestas que houbera por esta ponte a comezos dos anos dous mil. Están relacionadas co ocorrido estes días?
O que ocorreu no ano 2001 non ten nada que ver con isto. Esta ponte foi construída a comezos de 1950. Despois foi ampliada cunhas beirarrúas a finais dos noventa, comezos dos dous mil.
O que pasou naquel momento e as alertas que houbo foron polos coidados superficiais da ponte. Ao final era unha infraestrutura que tiña cincuenta anos naquel momento, pero non tiña nada que ver con isto.
Foi o alcalde quen sacou estas protestas da hemeroteca, pero non sei se foi para evitar que o sinalen ou responsabilicen do escorregamento do piar. O que pasou, pasou. Agora precisamos responsabilidade e serenidade para intentar evitar que non pase nada a maiores.