Unha deficiencia nunha ponte sobre o río Cabe en Monforte obriga a fechar o tráfico a vehículos pesados

O BNG de Monforte solicitou a revisión urxente da infraestrutura tras detectar o afundimento dun dos piares de apoio.
Estado actual dos piares de aopio da ponte sobre o Cabe en Piñeira, advertido polo BNG local.
photo_camera Estado actual dos piares de aopio da ponte sobre o Cabe en Piñeira, advertido polo BNG local.

A iniciativa do BNG de Monforte, o Goberno municipal vén de "ordenar, de forma inmediata, a contratación por emerxencia da reparación do piar e da revisión da ponte sobre o Cabe en Piñeira".

A infraestrutura foi revisada tras presentar por rexistro o grupo nacionalista unha solicitude de revisión urxente, tras advertir que un dos piares da ponte sobre o ría, na parroquia de Piñeira, escorregou e non ofrece soporte suficiente á plataforma.

Unha das pilas da ponte afundiu polo lado norte perdendo o contacto coa plataforma da ponte nos puntos en que apoiaba

De forma cautelar, o Goberno local, presidido por José Tomé, fechou a ponte ao tráfico pesado e encargou varios cadanseu informe á Policía Local e á arquitecta municipal.

Asegurar a ponte

Nos seus escritos indícase que a deficiencia detectada afecta a "unha das pilas da ponte, que se afundiu polo lado norte, perdendo o contacto coa plataforma da ponte nos puntos en que apoiaba, dando lugar a que a luz do vano onde se situaba dita pila se duplicouse, polo que se prexudica considerablemente a súa resistencia".

"Detectada a deficiencia, e acordo co establecido no artigo 120 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público", sinala o alcalde, "desde o Concello procedemos de forma inmediata á tramitación de emerxencia das obras" para asegurar a ponte, uns traballos que adxudicou por vía de urxencia á empresa Extraco, que revisará o estado completo da estrutura "co obxecto de determinar a necesidade doutras reparacións e garantir a súa seguridade".

A ponte sobre o Río Cabe ao seu paso polo parroquia de Piñeira está formada por unha plataforma apoiada sobre varios piares, con dous puntos de apoio en cada pila, cunha estrutura de formigón armado.

Feche ao tráfico pesado

O feche da ponte ao tráfico de vehículos pesados até o fin das obras, xustificou, débese "á perda de verticalidade dun dos seus piares, parcialmente desconectado do taboleiro da ponte".

Desde o BNG de Monforte "celebramos as medidas cautelares e preventivas que tomou o Goberno municipal, como lle pedimos desde a nosa formación política. É mellor pecar de cautos que lamentar males maiores", afirmou o portavoz municipal Emilio J. Sánchez.

Comentarios