A técnica construtiva que se empregou na ponte de Castro na A-6 leva décadas en desuso

Que pontes construíu FCC na Galiza?

FCC é unha compañía con abundante obra construída na Galiza. Desde a súa primeira actuación, en 1972, leva executado centos de proxectos no ámbito da obra civil, entre eles coñecidos viadutos. Nós Diario percorre algunhas das pontes máis destacadas erguidas por esta empresa madrileña.

Ponte Lugo1920
photo_camera Ponte sobre o río Miño, en Lugo, edificada pola compañía FCC. (Foto:Jesús Fernández)

O viaduto sinistrado na A-6, no linde co Bierzo, entre Veiga de Valcarce e Pedrafita do Cebreiro, tiña unha significación especial para FCC. A isto, contribuíron os galardóns recibidos pola referida obra, destacando no ano 2002 o prestixioso premio  internacional Puente Alcántara, que recoñece actuacións de edificación civil no ámbito Iberoamericano. Tanto é así, que a empresa cualificábaa en 2012 na documentación corporativa como “unha das obras de enxeñaría máis significadas e espectaculares realizadas en Europa na última década”. Ao tempo, a construtora puña de relevo a tecnoloxía construtiva empregada nesta edificación.

Ao carón deste tramo da autovía do Noroeste, FCC, nesta ocasión en solitario, ergueu os coñecidos como viadutos de Pedrafita. As pontes, localizadas neste concello dos Ancares, foron galardoados no ano 2000 pola propia compañía co premio ao Fomento da Calidade. Trátanse de dous viadutos de 403 e 386 metros lineais, cunha altura máxima de pía de 95 metros e vanos de 75 metros. A estrutura conformase arredor dunha viga de lanzamento de 163 metros, que soporta diversas dovelas prefabricadas cun peso de 73 toneladas, cuxa unión conforma un caixón central de 10,7 metros de ancho  e 3,7 de canto.

Pezas prefabricadas e en desuso

As pontes da Valenzá (Barbadás) e Allariz, no tramo entre o alto de Allariz e San Cibrao das Viñas da autovía das Rías Baixas, foron erguidas por FCC seguindo a mesma técnica construtiva empregada posteriormente no viaduto de Castro na A-6.

A este respecto, as pontes edificáronse con pezas prefabricadas, que se empregaban hai máis de dúas décadas e actualmente atópanse en desuso. O viaduto de Allariz, con máis de 950 metros lineais e o de Valenzá, con 450, levantouse por vanos, mediante unha viga de lanzamento, sendo a primeira vez no Estado que os vanos se uniron a través dunha xunta seca e o pretensado exterior.

A mesma autovía das Rías Baixas, neste caso no seu tramo entre Ourense, Barbantes e Melón, conta con dous viadutos erguidos por unha unión temporal de empresas (UTE) participada por FCC e Cubiertas MZV, actualmente integrada no grupo Acciona. A primeira das pontes, de 936 metros lineais, sitúase sobre o río Avia e está formada por dúas infraestruturas paralelas -unha por calzada- que cruzan o val do Avia, por riba da liña do ferrocarril, da estrada N-120 e do enlace a Ribadavia. O segundo dos viadutos, coñecido como de Barbantes, conta cunha lonxitude de 359 metros e cruza o encoro de Castrelo de Miño. 

A ponte de Lugo

O viaduto sobre o río Miño na cidade de Lugo é a infraestrutura deste tipo máis coñecida das erguidas por FCC na Galiza. A obra foi adxudicada en 2009 polo Ministerio de Fomento -dirixido naquela altura por José Blanco- a esta construtora e foi inaugurada en xuño de 2011, representando un investimento de 30 millóns de euros. A ponte componse  dun taboleiro de 195 metros de lonxitude, dos cales 95 metros transcorren sobre o río Miño e consta dun arco de aceiro de 2.000 toneladas. Ao tempo, os outros 100 metros restantes constitúen un viaduto de acceso á ponte que finalizan en glorietas a ambos os lados do río.

As pegadas de FCC pódense seguir no conxunto da xeografía galega. Así, na comarca de Valdeorras, a Consellaría de Economía adxudicoulle en 2001 a execución das obras de acceso ao Barco de Valdeorras e unha ponte sobre o río Sil nesta localidade, dunha lonxitude de 396 metros lineais. Outro tanto, acontece cos viadutos da AP-53 no tramo de Santiago de Compostela e Dozón, na comarca do Deza, cuxa obra corresponde á construtora madrileña

A autovía entre Vilalba e Ferrol foi edificada en varios tramos por FCC. Así, no seu treito entre Igrexafeita e Espiñaredo, no concello das Pontes, aparecen tres viadutos que no seu conxunto representan 953 metros lineais. O primeiro deles, denominado Espariza, conta con 444 metros de lonxitude, componse de dous taboleiros paralelos de 11,30 metros e está edificado sobre trabes de caixón e lousa de formigón. O segundo, designado Ramadela, ten 250 metros, está formado por dous taboleiros paralelos e foi levantado seguindo a mesma técnica edficatoria que o anterior. O último, coñecido como o de pena Eiriz, suma 259 metros e está asentado sobre catro estribos e doce pilas ocas.

A A-8, popularmente coñecida pola autovía do Cantábrico malia non seguir nos seu tramos galegos un trazado costeiro, conta con varios viadutos erguidos por FFC, entre eles o do río Trimaz entre Regodevide e Vilalba.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios