O colectivo Terra Chá Sostíbel denunciou hoxe publicamente, ademais de presentar unha queixa ante a xefatura territorial da Consellaría do Medio Rural en Lugo, a existencia de dúas plantacións "ilegais" de eucalipto na comarca que ameazan a continuidade da actividade agrogandeira dunha forma indirecta. A asociación quéixase de que a Administración pública non actúe a pesar de que fan falta terreos para a gandaría.
En concreto, Terra Chá Sostíbel fala de dúas zonas nas que aparecen estas árbores de rápido crecemento e que foron colocadas de maneira "ilegal".
Alertan de que ocupan máis dun cento de hectáreas en terras de cinco concellos da comarca da Terra Chá. En concreto, afectan a 64 parcelas de carácter agrario localizadas en Begonte, Friol, Castro de Rei, Outeiro de Rei e Lugo.
Para o colectivo, o problema é que hai "escaseza de terras para os gandeiros por culpa deste tipo de plantacións ilegais".
A este respecto reflexionan sobre os terreos de produción agrogandeira, que padecen "unha excesiva intensificación, con gran uso de praguicidas e produtos químicos que terminan contaminando as augas e acuíferos".
O grupo atribúe estas irregularidades á "falta de control" por parte da Xunta da Galiza, até o punto de que desaparecen carballeiras con "para convertelas en terras agrícolas" ao tempo que parcelas para a gandaría "transfórmanse ilegalmente a eucalipto", unha especie que non é autóctona.
Neste contexto, a plataforma opina que "o problema co eucalipto e a falta de extensións para produción agrogandeira excede o ámbito paisaxístico chega ao plano ambiental e social, e encamíñase tamén a converterse nun problema económico".