O PP aproba en solitario a Lei de recuperación da terra agraria

O BNG votou en contra e o PSdeG abstívose na votación dunha lei que inclúe medidas como a moratoria de novas plantacións de eucalipto até 2025, un novo catálogo de solos agropecuarios e forestais, ou a posibilidade de expropiar leiras se non se coñece a persoa titular.
O Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera O Parlamento da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Parlamento da Galiza aprobou hoxe co único voto favorábel das deputadas e deputados do Partido Popular a Lei de recuperación da terra agraria, co voto en contra do Bloque Nacionalista Galego e a abstención do PSdeG.

A norma, orientada a reverter o abandono e o baixo aproveitamento da terra agraria na Galiza, permite que a Xunta, por medio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), expropie propiedades de chan rústico ou núcleo rural nun prazo de dez anos e cuxas titulares non estean identificadas.

O Executivo galego calcula que se atopan nesta situación 320.000 leiras que supoñen 5.600 hectáreas.

O texto crea un catálogo de solos agropecuarios e forestais que suprimiu “apartados que son garantes do uso agropecuario da terra”, criticou Xosé Luís Rivas, Mini, deputado do BNG no Parlamento, polo que sostén que vai impulsar a “reforestación masiva de terras agrarias”, un aspecto defendido polas empresas do sector forestal, que criticaban a actual protección de terras agrícolas, nas que só se podían efectuar plantacións forestais limitadas e sempre de frondosas caducifolias, nunca de eucalipto.

Concentración da terra

A concentración da terra agraria é outros dos obxectivos que impulsa a lei, con modelos como os polígonos agroforestais de iniciativa pública ou privada, nos que en teoría un 50% da terra ten que estar abandonada ou cunha baixa taxa de utilización; se a actividade é privada pode reducirse esta porcentaxe.

Para a Federación Rural Galega resulta curioso que se limite o acaparamento nos polígonos públicos mais non nos privados, e defende que a finalidade da lei é “facilitar o aceso aos sectores especulativos, de modo que poidan implantar os seus proxectos empresariais sen ter de se enfrontar á actual fragmentación da propiedade”.

No proxecto inclúese unha disposición para a moratoria de novas plantacións de eucalipto até o final de 2025, o que provocou a expansión desenfreada de talas para plantar eucalipto antes da entrada en vigor da lei, neste aspecto, criticado polo BNG, o PSdeG, a través do deputado Martín Seco, lamentou a intervención no mercado da madeira provocada por unha decisión “errática”.

Comentarios