Repuntan na Galiza as cortas de piñeiros para substituír por eucaliptos

A Xunta da Galiza nega que se estea a producir un "efecto chamada" polo anuncio da moratoria.
Plantación de eucaliptos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Plantación de eucaliptos (Foto: Nós Diario).

A "febre do eucalipto" derivada da moratoria anunciada pola Xunta, unha cuestión da que xa alertaron os produtores de madeira a Nós Diario esta semana, está a provocar cortas masivas de piñeiros por todo o país para a súa substitución por árbores desta especie invasora.

Segundo informan a Europa Press fontes de Finsa, unha das principais empresas madeireiras galegas, nas últimas semanas "estase a producir un incremento nas entradas de madeira de piñeiro". Malia que varía en función da zona, rexístrase, sobre todo, "na zona de Lugo".

Así mesmo, o presidente do Clúster da Madeira (que agrupa a 50 compañías de sectores como o forestal, entre as que se atopa Ence), José Manuel Iglesias, explica á axencia de noticias que "entre o anuncio da moratoria a final de febreiro e a súa entrada en vigor prevista en maio, aceleráronse as substitucións de piñeiro por eucalipto".

"Aínda que se trata dunha situación conxuntural, reflicte que a clave para diversificar non está en fixar limitacións, senón en buscar alternativas rendíbeis ao eucalipto", opina Iglesias.

"Se o silvicultor non ten opcións sustentábeis economicamente, acabaremos xerando abandono, o cal incrementa o despoboamento e os incendios, pois ninguén se esforza en coidar aquilo que non lles reporta un mínimo de retorno do seu investimento", reflexiona o presidente do Clúster da Madeira.

A Xunta nega "efecto chamada"

A semana pasada o conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "non hai evidencias tanxíbeis" de que se estea a producir un "efecto chamada" na plantación de eucaliptos en superficies onde non os había antes debido á moratoria anunciada pola Xunta.

En resposta a unha interpelación do BNG, o conselleiro remarcou que a temporada de primavera é a "época ordinaria para realizar plantacións", polo que ve "evidente" que se poidan incrementar en marzo e abril, alén de que hai un ano por estas datas víranse limitadas pola pandemia.

O Bloque, pola súa banda, cualifica como "paripé" a moratoria, no marco dun "traballo de confusión" que "está premeditado" co fin de "axilizar novas plantacións", coa "conivencia" da Xunta. A modo de exemplo, expón que o PP emenda a lei de recuperación de terras para que se poida replantar até 100% de eucaliptos en zonas onde haxa un 50%.

Comentarios