Pese os avisos de colectivos ecoloxistas e labregos que alertan de que nestes días se está a producir un "boom" de plantacións de eucaliptos, o PP negou que tal actividade estea a acontecer e votou en contra no Parlamento dunha moción para evitar o que a oposición denomina como "efecto chamada" da Xunta para encher Galiza de eucaliptos.
A moción, presentada esta terza feira, 27 de abril, no pleno pola deputada do BNG María Albert, buscaba impedir as plantacións ilegais de eucalipto mentres non sexa efectiva a moratoria anunciada pola Consellaría de Medio Rural en febreiro, coa que só se permitirán unicamente replantacións con eucalipto en territorios onde xa estaba esta especie.
"Desde que o conselleiro de Medio Rural anunciou a palabra 'moratoria' -sen pór a data en que esta será efectiva- comezou unha carreira pola plantación de eucalipto en cada metro cadrado de superficie apto para el, e digo apto, que non legal”, argumentou a deputada nacionalista. "Agora vale todo, cortar piñeiros para plantar eucaliptos no seu lugar, plantar en zonas agrícolas, en Rede Natura...", lamentou.
Tamén foi crítico coa política forestal da Xunta o deputado do PSdeG Martín Seco, que cualificou precisamente o anuncio da moratoria de "irresponsábel", xa que ao darse a coñecer sen pór data de entrada en vigor, o que se fixo "foi dar un aviso de agora ou nunca" para plantar eucalipto.
"O anuncio fixo que nun mes se esgotaran as existencias de eucalipto nos viveiros galegos e ficaran desbordadas as empresas de reforestación, que non dan feito ante as demandas de solicitude de plantación, ocasionando ademais unha forte depreciación do piñeiro", explicou o socialista.
Para a deputada popular Elena Candia "é moi perigoso" que a oposición diga que os galegos "non cumpren" coa lei e negou que haxa un "boom" na plantación do eucalipto. Aliás, acusou o BNG e o PSdeG de contradicirse, por sinalar que hai ese "boom" e ao mesmo tempo afirmar que se esgotaron os eucaliptos nos viveiros. "Con que se está a plantar entón?", preguntou Candia desde o atril do Parlamento.
Na moción, Albert urxiu a Xunta a tomar medidas para a protección preventiva de superficies de frondosas, áreas de interese ambiental e patrimonial e superficie de vocación agrogandeiras.