A través das redes sociais, a Marcha Mundial das Mulleres está a animar a se mobilizar en resposta perante o asasinato en Lugo de Cristina Cabo. “As compañeiras de Lugo chaman a mobilizarnos para dar resposta ao asasinato de Cristina Cabo Buján o pasado domingo. As últimas informacións que coñecemos parecen indicar que o asasinato pode ter tintes machistas e entendemos que cómpre dar resposta!”, indican.
Por iso, animan a se mobilizar esta quinta feira, 1 de decembro, en vilas e cidades da Galiza.
O cadáver de Cristina Cabo, de 42 anos, foi achado o domingo no seu domicilio da Rúa Quiroga, na cidade de Lugo, con evidencias de recibir múltiples coiteladas. O presunto autor do homicidio foi identificado en días pasados polo furto dun bolso e ameazas á súa propietaria.
[ALERTA FEMINISTA] 🔴🔴 As compañeiras de Lugo chaman a mobilizarnos para dar resposta ao asasinato de Cristina Cabo Buján o pasado domingo.
— Marcha Mundial Mulleres Galiza #25N (@MMMGaliza) November 30, 2022
As últimas informacións que coñecemos parecen indicar que o asasinato pode ter tintes machistas e entendemos que cómpre dar resposta! pic.twitter.com/aNNwUfBFl7
Nun comunicado, a Policía confirma que o aviso se recibiu o domingo sobre as 22horas, a través da Sala do 091, por parte da irmá da vítima. Acudiu á súa casa porque a familia non tiña noticias dela desde o sábado pola tarde, e atopouna morta no seu dormitorio.
A Policía destaca o traballo "intenso" realizado e a detención "en tempo récord" do autor do homicidio. Entre as dilixencias realizadas, alude a máis de 20 declaracións tomadas na contorna da vítima, desde a veciñanza do inmóbel e do barrio, así como familiares e amigos.
Tamén apunta que o visionado das cámaras foi de gran axuda á hora de "centrar a investigación". Xa esta terza feira, unha vez localizado na súa casa, foi detido e trasladado aos calabozos da comisaría de Lugo. A Policía constata que exerceu "unha gran resistencia".
A Policía afirma que o home de 32 anos detido polo crime en Lugo de Cristina Cabo estaba estabelecido na cidade desde o mes de setembro. Así mesmo, din, vítima e suposto autor coñecéronse na madrugada dos feitos, nun local de lecer.