"A varíola do mono é unha enfermidade vírica similar á varíola humana, erradicada desde 1980", explica a Nós Diario Álvaro Mena, médico internista da unidade de Enfermidades Infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Non é unha doenza nova. É unha enfermidade zoonótica emerxente; endémica nalgúns países de África. "Está causada por un virus que afecta fundamentalmente a monos -atopouse por primeira vez nestes animais en 1958, de aí o seu nome- aínda que tamén a outros mamíferos e que pode infectar os seres humanos.
Transmisión entre persoas
Mena destaca que esta transmisión xa é coñecida. Hai casos documentados de varíola do mono sobre todo en países africanos, como o Congo e Nixeria, mais tamén hai casos documentados en países occidentais, previos a este gromo".
Malia que a transmisión sostida da varíola do mono de persoa a persoa é limitada e menos eficaz que a transmisión de animal a persoa pode estar na orixe da alerta sanitaria internacional lanzada o pasado 15 de maio.
Contacto estreito
"Até o momento os casos habituais eran illados. Lembro un gromo en Estados Unidos, non hai moito, debido á importación ou á compra ilegal de animais infectados que transmitiron o virus ás persoas. Agora tanto no Reino Unido como noutras cidades europeas estanse a ver casos de transmisión entre persoas que exixe un control".
O contaxio, indica Álvaro Mena, precisa un "contacto estreito". "Sabemos moito máis da varíola humana que da do mono, pero enfermidades coma estas producen unha infección sistémica, do corpo, e unhas lesións na pel similares ás doutras infeccións víricas, tipo varicela". Estas manifestacións, en forma de bocha ou vesícula, conteñen un líquido contaxioso, "pero tamén o é o contacto estreito, sobre todo a través da saliva e das secrecións bronquiais nalgunha fase da infección".
Esta é a modalidade de transmisión que se supón nos casos que se están a ver agora mesmo, e que Álvaro Mena insiste en desvincular da condición ou orientación sexual das persoas contaxiadas. "Isto é unha infección vírica que se transmite polo contacto estreito, non por vía sexual. Esa proximidade pódese dar durante un contacto sexual, pero tamén nunha aula ou nun equipo de fútbol. É certo que moitos dos casos documentados en Londres e tamén en España son en homes que teñen sexo con homes pero a súa condición nin xustifica nin modifica a transmisión deste virus", conclúe.
Síntomas e tratamento
A varíola do mono comparte síntomas con outras doenzas víricas: febre, cansazo e malestar xeral, ademais das lesións cutáneas vesiculosas. "Se aparecen este tipo de manifestacións no corpo é importante consultalo e ter coidado", apunta Mena. O diagnóstico, mediante PCR, exixe recoller mostras do líquido das lesións e o tratamento, a día de hoxe é "sintomático".
"Non temos directrices terapéuticas estabelecidas, se ben hai antivirais que xa demostraron actividade in vitro, polo tanto son susceptíbeis de seren utilizados".
Por outra parte, salienta Mena, a vacina da varíola humana protexe, cunha eficacia de 85%, fronte á varíola do mono. "Isto significa que todas as persoas nadas antes de 1980 ou 1979 están razoabelmente vacinadas e teñen unha inmunidade adecuada contra a varíola. Despois desas datas, ao considerarse erradicada, desapareceu do calendario vacinal". Neste contexto, o interese pola vacina da varíola humana aumenta mentres se valora o seu uso e os laboratorios confirman un stock limitado.
Casos confirmados
Con todo, a varíola do mono presenta menor gravidade, contaxio e mortalidade que a humana. "O normal é que curse de maneira leve ou moderada". Descoñécese cal será a evolución epidemiolóxica, "pero todos os brotes anteriores lograron controlarse, cun illamento adecuado, con distancia e boa ventilación".
No que vai de maio Reino Unido, España, Portugal, Italia e EUA confirmaron casos da varíola do mono. Bélxica, Italia, Canadá e Australia ampliaron a lista nas últimas horas. Os casos sospeitosos aumenta en número e territorios . En Portugal hai 23 confirmados. No Estado, 30, e máis outros 21 en estudo, dos cales un foi rexistrado na Galiza.