Os 26 municipios do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño convocan para a vindeira segunda feira unha nova reunión, de carácter urxente, para analizar o que clasifican de “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e de Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto, o de maior circulación de toda a fronteira ibérica.
A intención do encontro, segundo apunta o vicedirector Uxío Benítez, é avanzar con novas accións de protesta en prol da defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos e de transportes de mercadorías, así como das moitas empresas afectadas “polo calvario diario de afunilamento no paso de Tui-Valença”.
A publicación do despacho do Ministerio de Administración Interna de Portugal, no que se mantén a ponte internacional Tui-Valença como único punto de paso autorizado 24 horas entre Galiza e Portugal, está detrás da necesidade urxente de levar a cabo a citada xuntanza. O despacho contempla tamén, a apertura parcial da ponte Arbo-Melgaço durante tres horas en horario de mañá e outras tres en horario de tarde, e do mesmo modo na conexión Salvaterra-Monção.
As e os mandatarios de ambas as marxes do río Miño "asumen de maneira unánime as dificultades froito da pandemia Covid-19 e a necesidade dunha actuación eficaz" para o seu combate. Sen embargo, subliñan que a apertura de todos os pasos “en nada contradí o obxectivo de salvagardar a saúde pública”.
“Este cambio nos pasos autorizados polo despacho é ‘lanzar area aos ollos’ dos alcaldes e alcaldesas e das súas poboacións, pois non satisfai en absoluto as pretensións anteriormente expostas, alén de manter o calvario de afunilamento de tránsito en Valença-Tui”, expuxo Uxío Benítez. Ademais, a medida non fai máis que “reiterar a indispoñibilidade do Goberno de soportar os custos de máis puntos de paso autorizados controlados, querendo traspor para os traballadores grande parte desa carga”, subliña o vicedirector da AECT, que engade que só se pretende facilitar o tránsito ás persoas autorizadas.
Benítez destacou que non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos “senón só razóns mesquiñas que toman gobernos desde a lonxe e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” a Madrid e a Lisboa tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.
Neste sentido, lembrou que a ponte de Tomiño-Vila Nova de Cerveira, que polo de agora permanecerá fechada, é a quinta con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre os estados español e portugués.
Uxío Benítez citou que nas inmediacións deste viaduto se sitúa o parque empresarial de Cerveira, con 4.300 traballadoras das que máis dun milleiro son galegas. “Hai unha relación comercial umbilical entre unha e outra beira, Tui-Valença está a 16 quilómetros e A Guarda a 27, o paso a través da ponte da Amizade recorta as distancias acumuladas que todo o persoal laboral ten que percorrer de maneira obrigada”, subliñou.
“Non abrir todos os pasos é un castigo para exercer a súa actividade laboral aos milleiros de traballadores e traballadoras que son considerados esenciais para a dinámica económica de ambos países”, insistiu o nacionalista, que destacou que a situación está a crear unha “enorme preocupación e inquietude tanto nos alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara como nos empresarios da zona e no transporte de mercadorías”.
Apuntou que tras coñecerse a decisión do ministerio portugués, os municipios de fronteira xa recibiron un importante número de correos de traballadoras transfronteirizas e de empresarias “para compartir o relatorio da súa situación, desgastada e aflitiva a nivel persoal, económico e profesional por ter que percorrer decenas de quilómetros de rodeos”.
“Unha vez máis, as poboacións da raia miñota están a ser tratadas como o ‘parente pobre’ polos Gobernos de Portugal e de España”, finalizou Benítez.