A asociación ecoloxista Adega reclama esta segunda feira a "urxente" declaración do nivel 2 de emerxencia no marco do Plan de Continxencias de Contaminación Mariña da Galiza (Camgal), a raíz da 'marea de pellets plásticos' que desde hai un mes está a inzar os areais de todo o país deste material. Así, tal e como insisten desde o Goberno estatal, poderíase solicitar ao Ministerio o apoio con medios marítimos —buques e barreiras anticontaminación— para conter a extensión da vertedura de pellets antes de que sigan chegando ás costas.
Dada a natureza destes materiais e a súa flotabilidade, precisa Adega, "resultaría máis efectivo controlar a súa dispersión no propio mar, denantes de que arriben á costa e se depositen nos areais e nos bancos marisqueiros". De especial importancia sería reforzar a protección na boca das rías e na contorna dos espazos naturais protexidos, aseguran, por tratarse de áreas "nas que a penetración destes contaminantes e a súa persistencia no medio podería supor un maior dano ecolóxico".
Adega solicitou tamén unha entrevista urxente cos responsábeis de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Alfonso Villares, para coñecer as actuacións desenvolvidas pola Xunta da Galiza nesta "catástrofe" e reclamarlles unha "maior transparencia na divulgación da información sobre a natureza, alcance e consecuencias desta marea plástica".
"Precisamos coñecer cando antes a orixe, cantidade, composición exacta e potencial contaminante destes materiais plásticos para tomar as axeitadas medidas de protección e salvagardar a saúde ambiental e cidadá", insisten as ecoloxistas, que desde o pasado 4 de xaneiro pediron información sobre as verteduras mais lamentan: "Non recibimos aínda resposta por parte da Xunta". Solicitan tamén unha xuntanza cos responsábeis do Goberno español na Galiza para reclamarlles unha "maior implicación e coordinación" coa Xunta.
Formación do voluntariado
Adega está a organizar diversas xornadas formativas con voluntariado para a coordinación dos labores de limpeza e a intervención directa no litoral afectado, das que informarán esta terza feira, 9 de xaneiro. "É fundamental estabelecer un protocolo de actuación e unha mínima coordinación nos labores de limpeza da costa afectada para non causar maiores danos aos fráxiles ecosistemas litorais. Evitar a masificación, coñecer o medio, usar as técnicas axeitadas e dirixir os esforzos alí onde se precisa resulta chave para que os traballos de limpeza sexan realmente efectivos. A experiencia acumulada durante a catástrofe do Prestige e as anuais limpezas simultáneas de praias debe resultar nuns traballos de voluntariado máis efectivos e seguros", apuntan.
Con todo, lembran que a principal responsabilidade da loita contra esta e outras verteduras de contaminantes na costa "non é do voluntariado, senón das administracións". "Son a Xunta, o Estado e en última instancia os Concellos os encarregados de dispoñer os medios precisos para facer fronte a esta emerxencia ambiental. Exixímoslle maior implicación, medios, coordinación e transparencia para que outra volta, non sexa a cidadanía a que teña que afrontar en solitario a loita contra esta nova catástrofe", engaden.