Crise dos pellets

Os concellos exixen máis medios: "Non temos a máis mínima información da Xunta; lembra aos 'hilillos de plastilina' do Prestige"

"A Xunta volveu abandonar os municipios nunha catástrofe ambiental dicíndonos nunha carta que a limpeza das praias é competencia municipal e lavándose as mans nunha situación que non sabemos que repercusión pode ter", censura o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. Cada vez son máis as voces que desde o plano municipal acusan o Goberno de Alfonso Rueda de "pórse de perfil" e de deixar "soa" a cidadanía.
Un home buscando pellets nun areal da Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera Un home buscando pellets nun areal da Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

O presidente da Federación de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde Vilagarcía (Arousa), o socialista Alberto Varela, reclamou esta segunda feira medios á Xunta da Galiza para a limpeza dos plásticos chegados ás praias galegas. Hai constancia de pellets desde o sur do país, pasando pola Costa da Morte e até A Mariña. A este respecto, o presidente da Fegamp pide á Administración galega tamén máis información sobre a composición do material e un protocolo claro de actuación que non recaia só nos municipios, xa que se teme que "poida ter efectos negativos nos recursos mariños e no medio ambiente". Paralelamente, apunta que o servizo municipal de emerxencias de Vilagarcía patrulla os areais do concello.

"A Xunta volveu abandonar os municipios nunha catástrofe ambiental dicíndonos nunha carta que a limpeza das praias é competencia municipal e lavándose as mans nunha situación que non sabemos que repercusión pode ter no medio, nos recursos mariños dos que tanta xente vive, e no mesmo Parque Nacional das Illas Atlánticas, o único que existe na Galiza", censura.

Critica, na mesma liña que o executivo presidido por Alfonso Rueda "aínda por riba de tardar semanas en reaccionar", cando o fai é "para non darlle importancia, para desentenderse, negar a axuda, dicir que o culpábel é outro e mirar para outro lado mentres o mar da Galiza e todos os galegos que viven del volven verse gravemente ameazado".

Inés Rey: "A Xunta non pode pórse de perfil"

Tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, exixiu hoxe á Xunta que achegue os medios "precisos" aos municipios para a recollida deste material. Os servizos municipais constataron a presenza de pellets nas praias de Orzán, As Lapas, Bens e O Portiño, onde actúa con medios propios. "A Xunta non pode pórse de perfil nun asunto de ámbito autonómico que é da súa competencia. A día de hoxe non recibimos nin unha chamada nin un ofrecemento de información ou de medios para facerlle fronte a este problema", reprochou Rey.

"Non se pode pretender que sexan os municipios os que fagan fronte a un problema como este, que supera con moito o ámbito municipal", agrega. Aliás, a concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Noemí Díaz, remarca que "quizais a Xunta non é consciente de que ao activar o plan de emerxencia son eles os que teñen as competencias".

Moi perto da cidade herculina, en Sada, o concelleiro de Medio Ambiente, Fernando Fariña, denuncia a falta de información por parte do Goberno galego. Comprobou a aparición destes microplásticos na praza de Morazón, que tamén chegaron á de Cirro, e insta a Xunta a que "asuma as súas competencias" e proceda á limpeza.

Tamén o Concello de Ferrol comunicou que tres brigadas estiveron revisando esta mañá os areais en praias como a de Doniños ou Esmelle. Igualmente, o Concello de Miño detectou esta segunda feira a chegada de pellets á praia de Perbes, "aínda que en pequena cantidade de momento". Instalou un contedor para depositar as recollidas que se fagan deste material.

Recollidas en Nigrán

Nigrán é un dos municipios máis ao sur da Galiza onde se detectaron os pellets. O Concello organiza para esta terza feira, 9 de xaneiro, unha primeira limpeza nos areais de Patos, Prado, Cansadoura e Madorra. Estará coordinada pola Asociación de Escolas de Surf de Patos, Club Marítimo de Panxón e operarios municipais de limpeza.

"Non temos a máis mínima información nin asesoramento por parte da Xunta. De momento hai poucos pellets, pero preocupa á afección que supón mesmo para a cadea trófica, por iso non nos imos cruzar de brazos esperando a que cheguen a máis", recrimina o alcalde, Juan González. "Unha vez máis, a cidadanía é a que ten que estar a pedir medios e información á Xunta; isto retrotráenos aos tristemente famosos 'hilillos de plastilina' do Prestige", apostila.

Controis en Vigo

Por outra parte, o Concello de Vigo informou de que, até o momento, non se detectaron bólas de pellets nas praias da cidade olívica, a pesar de que se realizaron varias inspeccións. Aínda así, seguirá levando a cabo controles e pide aos vigueses que se atopan este tipo de residuos alerten o 010 ou a Policía Local.

"En previsión do que poida suceder, o Goberno local está a tratar de localizar grandes tamizadoras que permitan eliminar de forma eficiente este tipo de residuos", engadiu o Concello nun comunicado, indicando tamén que os cidadáns que recollan este material sempre o fagan con luvas e que os depositen no contedor verde, "até que a Xunta aclare cal debe ser o procedemento para seguir".

Neste senso, asegurou que non ten notificación ningunha do Executivo galego sobre esta cuestión, aínda que puxo en valor que no caso de que aparezan en Vigo, o Concello farase cargo "de forma inmediata" da súa eliminación.

Tamén concellos como o de Redondela informan de que se atopan vixiantes a pesar de que aínda non se detectaron estes microplásticos nas súas praias.

Comentarios