NESTE CADERNO DE VERÁN

Viaxe á Galiza insular

Son as nosas illas con carácter. Pescudamos na personalidade da Galiza non continental de man de guías como os escritores Anxo Fariña e Antón Lopo ou a cantante Uxía.

MGK

Será a desta semana unha reportaxe subxectiva pola Galiza insular. Percorremos algún dos referentes da Galiza non continental da man de guías como os escritores Anxo Fariña e Antón Lopo; a cantante Uxía; o codirector de SinSal Audio, Julio Gómez; o director do CEIDA (O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza), Carlos Vales ou a poeta Rosalía Fernández Rial. O carácter e a sensibilidade das xentes da Arousa, o illamento de San Simón, o carácter defensivo de Santa Cruz ou a introspección creadora das Ons, a maxia dos Farillóns, o temperamento atlántico e cantábrico de Illa Pancha ou o misticicismo das Sisargas serán as nosas paradas.

As nosas entregas literarias van poñendo camiño cara ao desenlace. Saberemos, finalmente, como se desencadea o tráxico destino de África, a protagonista da serie "Traballo de Campo", elaborada para Sermos pola escritora Marica Campo. Pepe de Pura fará viaxe a momentos iniciáticos da xuventude no penúltimo capítulo do seu relato homoerótico. Tamén aos 21 anos se remonta Marta Dacosta, nesta entrega do seu poemario inédito: "o normal era / casar / abandonar / a casa do pai / construír  a casa do esposo / casar/".

MULLERES GALEGAS KAÑERAS


Patty Castro, a promotora do proxecto musical MGK (Mulleres Galegas Kañeras), que vén de darse a coñecer este ano con dous videoclips, será a entrevistada desta semana. A través de Facebook, conseguiu xuntar preto de trinta cantantes, bateristas, baixistas, saxofonistas e demais músicas do ámbito do rock, o heavy e o metal en Galiza. "Foi xuntarnos e caernos todas ben automaticamente"─afirma─" Parece que se es muller dentro da música cañera non das tanta caña como un grupo exclusivamente masculino.

"Xurxo Souto abonda nun episodio oceánico pouco coñecido, o protagonizado polos gaiteiros do mar"

Xurxo Souto abonda, nesta ocasión, noutro episodio oceánico pouco coñecido, o protagonizado polos gaiteiros do mar. Son músicos e mariñeiros, como é o caso de Manuel Sotelo,que un día embarcou coa súa gaita rumbo Namibia, ou Anxo Gago “Lito”, que navegou pola banda de Terranova.
Na súa columna, "Dálle que libras", o xornalista Xesús Piñeiro apuntará retranqueiro, cara aos portos deportivos da nosa costa: 8.812 prazas de amarre, o duplo que toda a frota pesqueira galega: "A este ritmo cando remate a década imos ter máis iates fondeados entre A Guarda e Ribadeo que centolas", destaca

O poeta Luís Valle é o encargado de pechar o Caderno de Verán desta vez. Levará a contra o seu recuncho máis querido para o estío, pequeno en tamaño máis grande no emocional, o Picote, na súa terra natal, un prado dende onde se divisan o Xistral, o monte de Argán ou o cordal de Neda, así como o val encaixado que leva ás terras de chaira.

Máis en Só en papel
Comentarios