#sermos200: douscentos latexos de Sermos

Un número máis na rúa e non é un número calquera. Estamos de aniversario. Xa na nosa loxa.

O semanario Sermos Galiza está de aniversario: vimos de facer 4 anos o pasado 8 de xuño e, aliás, o desta semana é o número 200 do xornal en papel. Son estes 200 semanarios nos que vimos demostrando, co apoio do que damos en chamar Comunidade Sermos, que practicamos un xornalismo propio, centrado nos intereses do país. Falamos disto de do balanzo e perspectivas de futuro dun medio de intereses galegos. 'Sermos Galiza: 200 números e 4 anos de xornalismo'. Co gallo do aniversario entrevistamos o director, Xosé Mexuto: "Somos un proxecto social construído desde abaixo".

sermos200Catro ex-altos cargos de Medio Ambiente están sendo investigados por presuntamente teren amañado os trámites que en 2011 permitiron a dragaxe dos fondos da ría de Ferrol. Para ADEGA, a imputación destes persoeiros representa a paradoxal culminación da desastrosa xestión da biodiversidade e dos espazos naturais perpetrada durante a era Feijóo. Cóntanolo Fins Eirexas en 'Dragaxe da ría de Ferrol: prepotencia e impunidade'.

En Deportes volvemos achegarnos a Gómez Noya, o triatleta galego tivo que superar unha doenza cardíaca para poder competir. Con cinco Campionatos Mundiais ITU de Tríatlon ás súas costas e unha prata olímpica en Londres, o mérito deportivo de Javier Gómez Noya vén de ser recoñecido co Premio Princesa de Asturias do Deporte. Agora, encara Río 2016 co obxectivo de gañar o único ouro que se lle resiste. Xógase todo a unha carta no mes de agosto.

Saúde e Terra, irmá(n)s! foi un proxecto creado, deseñado e coordinado polo grafista Pepe Barro e contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo, en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez, polo Museo do Pobo Galego, e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez, pola Deputación da Coruña. 'Saúde e Terra, irmá(n)s homenaxea o centenario das Irmandades'.

Entrevistamos Carlos Callón. Repite como candidato ás xerais polo nacionalismo galego, o 20D coa marca Nós, o 26X co retorno das siglas BNG, acompañadas de Nós. “Cada voto menos ao BNG as galegas e os galegos, falen a lingua que falen, sexa cal sexa a súa visión política do mundo, vano notar”.

'Do cambio de réxime ao “encaixe constitucional”. O debate do tetrapartidismo dedicou apenas 8 minutos á cuestión territorial, isto é, ao monotema de Catalunya.

En Internacional, achegámonos ao que aconteceu e significan as eleccións no Perú, así como aos últimos movementos da OTAN. A alianza militar intensifica os seus exercicios na fronteira rusa e acelera a súa expansión cara ao leste.

Galiza fechou o 2015 batendo unha marca en exportacións, cun volume de negocio de 18.833 millóns de euros, un 5,6% máis que no exercicio anterior, e rexistrando un saldo comercial positivo por riba dos 3.700 millóns. O reverso? Apenas cinco empresas acaparan a metade das vendas ao estranxeiro, entre outros desequilibrios. 'Galiza, de portas para fóra'. E en análise, a segunda parte de `Que futuro demográfico nos agarda?'.

Lois Antón (Ramirás, 1931) é un poeta popular, comprometido e testemuña dun tempo e dun país que devala tal e como el o coñeceu: rural e galegofalante. Con toda a súa obra publicada despois do ano 2000, facemos con el un percorrido pola súa vida, que podería ser a de moitos outros: infancia na aldea, emigración, regreso, compromiso político, decepción. “A ilusión miña era facer poesía, pero facendo teatro esquéceste, non sofres”.

Da man do colectivo Xea coñecemos unha das poucas lagoas glaciares da Galiza, a Lagoa do Penedo, nos cumes de Trevinca. E temos, como non, a sección Fóra de Serie. E as críticas de Mario Regueira, Andrés Castro, Manuel Xestoso.

Todo isto, e moito máis, neste número do Sermos Galiza, que xa podes ler na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios