#sermos196: cen anos de paixón por Galiza

Centenario das Irmandades da Fala, entrevistamos Antón Sánchez (Anova), explicamoso o inxusto do financiamento local imposto polo goberno central... Todo isto e máis xa na nosa loxa.

Máis un número máis do semanario Sermos Galiza, o 196. Un número no que adicamos un protagonismo especial ás Irmandades da Fala, de cuxa creación se fixeron 100 anos este 18 de maio. O noso suplemento 'A Fondo' aborda polo miudo a presenza feminina nas Irmandades, para alén da entrevista que no propio semanario facemos o ensaísta Emilio Ínsua, que vén de publicar 'A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)'. “Foron o primeiro cerebro colectivo do país”, dinos a respeito das Irmandades.

Un modelo inxusto

A posición maioritaria entre o municipalismo é contraria ao modelo de financiamento local do Goberno central, considerado como agravante dunha discriminación histórica cos concellos do país. Tratámolo en 'Concellos sen financiamento', reportaxe na que contamos como os 314 concellos galegos deixaron de ingresar polo menos 1.376 millóns desde 2004, segundo cálculos realizados pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

SG196'Xentes de aquí e de acolá tiran da lingua co gallo do Día das Letras', a nosa reportaxe sobre a multitudinaria manifestación do 17 de maio convocada por Queremos Galego. “Chámome Raquel, son de Marín mais levo aquí [Compostela] seis anos vivindo. Son neofalante. Comecei hai tres anos [a falar galego] e tomei a decisión nesta manifestación”, coméntanos unha das participantes cuxo voz recollemos neste número.

Premio ao xornalismo cultural do Sermos

Recollemos tamén neste número o premio ao xornalismo cultural que na I Gala do libro galego se concedeu a Sermos Galiza. Por vez primeira, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Federación de Librarías de Galiza e a Asociación Galega de Editores convocaron os premios de maneira conxunta. Xoán Costa, presidente do Consello de Administración, recolleu o premio -unha escultura de Francisco Pazos- e agradeceu o recoñecemento ao labor “dun diario e dun semanario de intereses galegos, intereses que son os que están detrás desta gala”. 

Antón Sánchez.

Entrevistamos Antón Sánchez (Alicante, 1974), deputado e coordenador nacional de Anova. “Na Galiza En Marea vai estarlle disputando a hexemonía ao PP. Creo firmemente niso. Polo tanto, a correlación de forzas aquí na Galiza non vai ter nada a ver coa que houbo no Estado o 20D. Nós antes de xogar o partido non renunciamos a nada”.

Tamén falamos nas páxinas do semanario adicadas da contundente resposta de Ana Pontón á proposta de Carolina Bescansa de facer unha mesa polo cambio na Galiza. A líder do BNG subliña que desde o 20D Podemos antepuxo os seus intereses partidistas aos desexos sociais de desaloxar Rajoy da Moncloa.

O director do Instituto galego de análise e documentación internacional (Igadi), Xulio Ríos, reflexiona neste número sobre “a descalcificación da acción exterior de Galiza”. A proxección do noso país cara a fóra foi a menos nos últimos anos.

En 'Unha República catalá fóra da OTAN, a UE e o euro?' A plataforma Constituïm presentou publicamente un borrador para a Constitución da Catalunya independente.

A destitución temporal de Dilma Roussef, baixo a forma de golpe parlamentar, serve para impor o retorno ao neoliberalismo. O novo Goberno golpista prepara un duro pacote de recortes sociais e pretende mudar o papel que o Brasil estaba a xogar a nivel rexional e internacional. A esquerda brasileira chama a combater o golpe con mobilización e corrixindo a deriva posibilista dos últimos anos de Goberno do PT. 'Os oligarcas toman o poder e suspenden a democracia 180 días'.

Sete anos de Gobernos de Núñez Feijóo, dúas lexislaturas durante as que o paro aumentou na Galiza o duplo que a media estatal. Sete anos nos que o número de persoas no desemprego pasou de 167.000 a 227.900 e nos que se destruíron máis de 150.000 postos de traballo. Oito voces axúdannos a entender a magnitude desta traxedia. Falamos con economistas e sindicalistas sobre 'Sete anos de Feijóo: a realidade dun país parado'. E en Análise abordamos 'Bolsas de pobreza e exclusión social'.

'Losada: o mentor na sombra' é a achega que nos fai Justo Beramendi. Mario Regueira en 'O océano nunha cunca' debulla a Antoloxía poética de Manuel María (Escolma de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela). Na crítica de cinema, Andrés Castro cóntanos de 'Turbo Kid'. Olalla Ledo, de por parte, fálanos dunha cuta que navega pola rede, 'Lorchos e fanecas'. Da man de Xurxo Souto descubrimos Pelepau, unha orquestra de percusión coa cor do tamboril. Paula Mariño lévanos á Pinacoteca Fernández del Riego, en Vigo. E da man do Colectivo Xea percorremos 12 km nunha ruta por un Lugar de Importancia Comunitaria: Veigas de Ponteliñares.

E aínda máis: banda deseñada da man de Alfonso Barreiro, o traballo do Fervedoiro para recuperar Xohán Xesús González e a selfie.entrevista a Borxa Tenreiro, gañador do premio a artigos nornmalizadores do Concello de Carballo.

Máis en Só en papel
Comentarios