#Sermos197: A burbulla inmobiliaria do Ministerio de Defensa

Analizamos as propiedades das Forzas Armadas na Galiza e da intención do exército de especular con máis dun cento delas. Á venda xa na nosa loxa. 

A través de poxa ou de convenio coas Administracións locais, o Ministerio de Defensa está a promover unha política de alleamento das súas propiedades desafectadas. Todas as operacións están rexidas polo ánimo de lucro. Como tema da semana analizamos polo miúdo as Forzas Armadas como institución con máis número de inmóbeis após a Igrexa católica e detémonos no caso de Ferrol onde o 20% do solo está en mans militares

Na sección de Social falamos de contos para rachar coa norma botando a ollada a algunhas obras literarias infantís e xuvenís que afondan na educación en materia de diversidade sexual, de xénero e emocional. 

Aliás, conversamos con dúas persoas migrantes que marcharon da Galiza na procura dunha oportunidade laboral e bateron de fronte coa precariedade. Marta e Tomé cóntannos a súa experiencia en Madrid e Hamburgo (Alemaña), respectivamente após asinaren contratos en prácticas e de formación. 

sg197Nas páxinas de Política falamos con Xaquín Fernández Leiceaga, candidato ás primarias do PSdeG-PSOE e repasamos o discurso da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na clausura do XIV Congreso da UPG onde detallou as súas chaves para remontar o Bloque. 

En Internacional, debruzámonos na loita do pobo sahariano pola autodeterminación, analizamos a situación na que se atopa o proceso de paz na Colombia após o inicio das negociacións en 2012 e coñecemos mellor quen é Boko Haram, o terror africano parceiro do Daesh. 

Na sección de Economía afondamos nas consecuencias da privatización dos servizos de emprego, ou o que é o mesmo, cando se fai negocio cun dereito fundamental. Aliás, analizamos a crise na vivenda e na actividade residencial. Como o crack de 2008 atinxiu o sector que hoxe presenta unha grande redución do seu peso no PIB. 

En Cultura conversamos con Xosé Lois Romero con motivo da publicación do álbum feito xunto con Aliboria. Na entrevista descubrimos o Romero percusionista. "É o primeiro que fixen na miña vida e é o que realmente me flúe polas veas", recoñece. 

Na contracapa visitamos a Terbualdea, a primeira aldea punk da Galiza e facémoslle o selfie a Alexandre Sanmartín, seleccionador nacional de fútbol gaélico. 

Todo isto e moito máis a quinta feira nos quiosques e desde xa na nosa loxa. 

Máis en Só en papel
Comentarios