#sermos195: Todos os Manuel María por descubrir

Os múltiples rostros do escritor homenaxeado neste Día das Letras Galegas, entrevistas a Néstor Rego ou Sonia Lebedynski, empresas galegas e paraísos fiscais... todo isto, e máis, neste número do semanario, que xa podes obter na nosa loxa.

O Ano Manuel María está a resultar o máis celebrado pola cultura de base. Logo dun 2015 para esquecer desde este punto de vista, asociacións, colexios, bibliotecas e entidades de todo o país collen a bandeira de Manuel María para reivindicar o poeta máis prolífico e tamén un dos máis populares. En 'Os múltiples rostros de Manuel María' falamos do autor desde diferentes prismas, dándolle voz a quen o coñeceu moi ben.

'Precisa a Ribeira Sacra dun Wagner?'. É a pregunta que dá título á sección 'Desescribindo', de Marilar Aleixandre. “De construírse, a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada supoñería unha trabada á Ribeira Sacra”, afirma. Guillerme Vázquez, na súa sección 'Extra-muros' lémbranos que “Volve ser tempo de eleccións. Nunca tal se viu. As forzas políticas con mais representación nas Cortes do Estado non foron quen de formar goberno. Rajoy, o grande adversario a bater, segue sendo presidente. Feijóo espera. Galiza cae a cachos”.

SG195Colleitar entre edificios

As hortas urbanas gañan terreo nas urbes ao tempo que a superficie agraria útil do país mingua. Tomateiras, acelgas, espinafre, cabaciños, amorodos, ruibarbo, remolacha, chícharos... mudan do interior á beira das urbes da man da horticultura urbana. Falamos deste tema en 'O agro desenvólvese nas cidades mentres o rural fica ermo'.

En 'A insubmisión ás reválidas vai das familias até algúns gobernos' Alumnado de 3º e 6º de Primaria enfronta as probas previstas pola LOMCE. Moitas familias optaron por as boicotearen e deixar as crianzas ficar na casa.

Ver as estrelas non é posíbel na maior parte das cidades por mor da contaminación lumínica. Que é e como reducir o seu impacto? Fins Eirexas debulla con nós neste número 'A problemática da contaminación lumínica'.

“Se o poder nos ataca é porque ve en nós un perigo”

Entrevistamos Néstor Rego, secretario xeral da UPG. Estes días anda atarefado coa preparación do XIV Congreso da Unión do Povo Galego, a realizar o domingo 22 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. “Sen auto-organización non hai capacidade de decisión libre e sen capacidade de decisión libre non hai maneira de avanzar para o obxectivo da liberdade colectiva como nación”, afirma.

En 'As chaves da Operación Cristina', Manuel Monge explica como todo o aparato do Estado se pon ao servizo da filla de Juan Carlos Borbón. “As inxerencias da Casa Real e as presións ao xuíz José Castro foron constantes durante todo o proceso”.

Galegos para embranquecer o Brasil

A abolición da escravitude no Brasil tivo como efecto a necesidade inmediata de procurar man de obra para substituír a forza de traballo negra, especialmente nos cafeais, mais, ao mesmo tempo, fixo que Brasil adoptase plenamente a teoría do embranquecimento. A importación subvencionada de inmigrantes europeos foi o medio máis práctico para conxugar ambas necesidades. En só un ano, 40.000 galegos foron levados para Brasil. Xoán Costa cóntanolo en 'Galegos para embranquecer o Brasil'.

As intencións dos EUA de reforzar a súa presenza militar ou de promover a división do país ameazan con o converter definitivamente nun estado falido en medio da guerra contra Daesh. 'O Iraq, un país sepultado nas súas propias ruínas'.

Nesta última década saíron da Galiza con destino a limbos tributarios centos de millóns de euros. Para Panamá, Curaçao, Delaware... 'Paraísos fiscais das empresas e fortunas galegas'. E en 'O capital risco e outras fontes de financiamento' falamos de como Galiza situouse entre as cinco comunidades que recorreron en maior medida ao financiamento a través de capital risco no período 2007-2014.

Deserto de centos

Despois de ser a vocalista de Fía na Roca durante unha década, Sonia Lebedynski afronta o seu primeiro traballo en solitario. Falamos con ella nunha entrevista a dupla páxina. “Deserto de centos é o enfrontamento ante un camiño nunca transitado”.

En 'Do tempo pasado', Uxío-Breogán Diéguez fálanos dos 'Congresos obreiros galaicoportugueses. 115 aniversario'. Non faltan neste semanario a crítica literaria de Mario Regueira e a de cinema, de Andrés Castro. Lola Dopico achéganos a Inúñez, “unha creadora cun gusto exquisito, no que o sobrio e o excesivo danse a man”.E Iago Varela, en 'Mapa de Bits', fala de 'Rebaixas no roaming antes da súa fin'.

No 'Andar e Ver' desta semana, o colectivo Xea escolle a rota da Fervenza da Ruxida, perto da Pobra de Parga. Auga, restos dun castelo e fermosas paisaxes.

En 'Carme Durán, muller coraxe en días escuros', María Xesús López escrebe desta muller pioneira no mundo do transporte após o pasamento do seu home. Con 38 anos, dúas fillas e un fillo (a cuarta naceu meses despois) dirixiu o negocio que acabou por converterse en Autocares Viuda de Cándido. Foi un exemplo máis de anonimato e de autoeliminación no mundo empresarial, ao agochar a súa identidade baixo o nome de Viuda de Cándido.

E na contra-capa, a selfie-entrevista a Rubén Pérez, de Libera; e o mural que en Moaña xuntou Rosalía e Delacroix.

Máis en Só en papel
Comentarios