#sermos193: Por que as urnas eran inevitábeis?

Máis un número do semanario. Falamos de como as multinacionais mineiras reforzan o interese nos xacementos de Galiza, do adianto electoral, as secuelas sociais da 'austeridade' de Feijóo, o espolio do aforro galego, entrevista Xavier Queipo... Todo isto e moito máis á venda na nosa loxa. 

Os proxectos para extraer ouro en territorio galego multiplicáronse nos últimos anos, ante a demanda crecente internacional deste mineral escaso e polas facilidades administrativas outorgadas polas institucións galegas. Eis o noso 'Tema de Primeira' deste SG número 193, e que desenvolvemos na reportaxe 'En busca do Dourado galego'.

En 'As secuelas sociais da austeridade' poñemos a vista nalgunhas das políticas de Núñez Feijóo nestes anos e no seu impacto na sociedade galega. As deficiencias na xestión dos abortos que se producen no segundo trimestre de xestación e as mortes de doentes de hepatite C por non teren acceso á medicación levan o Goberno da Xunta aos tribunais.

Artistas de Euskal Herria, Escocia, Gales, Galiza, Irlanda, Frisia e Cornualles partillan através deo Proxecto Tosta a cultura, arte e identidade das nacións sen estado atlánticas. Luned Rhys, escultora galesa, visitou Galiza durante seis semanas no marco deste proxecto. Contámoscho neste número.

capaEn 'Garantir un aluguer social através de vivenda privada' falamos da alternativa á falta de vivenda pública. Carballo desenvolveu unha iniciativa que visa mobilizar vivendas baleiras para pór a disposición de familias en situación de exclusión social ou con dificultades económicas. Fixérono através da creación dunha Bolsa de Aluguer Social.

26X: Rajoy terá unha nova oportunidade

O 20D produciu un Parlamento colgado, un hung parliament. A longa partida de póker disfrazada de negociación chegou ao ponto de non retorno a terza feira 26A. A división no seo da esquerda español dará a Rajoy unha nova oportunidade. O BNG tamén apela a ela para Galiza “voltar a ter voz” no Estado. Contámosche todas as claves nunha dupla páxina.

Tamén seguimos o proceso de refundación do BNG, que se concreta nas máis de 100 asembleas para relanzar o nacionalismo. Pontevedra non acostuma fallarlle ao BNG e desta volta tampouco o fixo. A organización frentista deu a pistolada de saída ao proceso Adiante, o nome co que ten baptizado a súa Refundación. Foi o domingo 24 de abril e o Teatro Principal de Pontevedra rexistou unha asistencia masiva.

'Brasil: que é o que está em causa?' A situação no Brasil torna patente a agudização da luta de classes neste grande país da América latina, confrontandose aqueles que lutam por um Brasil soberano e independente, democrático, com os que procuram impor a intensificação da exploração, das injustiças e desigualdades sociais, os privilégios da classe dominante.

En Análise, publicamos un artigo de Bruno Carvalho, no que debulla como “42 anos depois, a Revolução de Abril mantém-se semente de futuro. Constituição da República foi adotada há quatro décadas cheia de progresso social”.

O protesto social pon a noite en pé

A Nuit Debout (Noite en pé) é como se denomina o movemento de protesto que está a sacudir Francia desde o pasado 31 de marzo. A oposición á regresiva reforma laboral impulsada polo Goberno de Manuel Valls foi a pinga que colmou o vaso. Foi precisamente ao remate da grande xornada de folga do pasado 31 de marzo cando xermolou a Nuit Debout, un movemento inda en construción que partilla parecidos co 15M español ou Ocuppy Wall Street, pero que desprega unha folla de rota propia, na que a “converxencia das loitas” é o eixo vertebrador. 'O protesto social pon a noite en pé'.

'Drenaxe do aforro galego para a “recuperación” española'. Galiza bate récord de depósitos, mais presenta a peor evolución do crédito do Estado español. 15.000 millóns de euros que van para outros territorios. De cada 100 euros en depósito en Galiza, só 74 van para créditos no país. Iso supón que hai 15.000 millóns de euros de aforro galego que non se invisten aquí e fornecen créditos noutros territorios. Unha lousa que condiciona a economía galega. E na sección de Análise, 'Fiscalidade galega: unha perspectiva empresarial'.

Entrevistamos Xavier Queipo

Volve Xavier Queipo con 'Os Kowa', a novela gañadora do Premio Blanco Amor na que constrúe unha historia de aventuras trepidante e intensa que nos transporta á selva amazónica, onde o protagonista se enfronta a todos os perigos do mato. E a si mesmo. Falamos co autor galego residente en Bruxelas.

Manuel López Foxo fálanos do 'Canto social de Manuel María' e Suso de Toro fálanos de 'Somnámbulos', tres historias que teñen en común unha ollada recuperadora do pasado. Pepe Barro, na súa columna 'Botar un Ollo' escrebe 'A fouce irmandiña e os soviets'.

En 'andar e ver' percorremos co Colectivo Xea os montes do Galiñeiro, Unha serra que une Gondomar, Vigo e O Porriño. Tampouco falta a nosa cita co 'Calendario Sermos 2016' de Xan G. Muras, nin as imprescindíbeis críticas literaria de Mario Regueira e de cinema de Andrés Castro.

Na contra-capa, despedimos Porno, un proxecto de edición alternativo ourensán que, logo de tres anos de actividade, anunciou que botaba o fecho. E na selfie-entrevista, Ismael Romero, remeiro da traiñeira de Cabo de Cruz, unha das representantes galegas na exixente Liga ACT.  

Máis en Só en papel
Comentarios