#sermos175: un debate galego e plural si foi posíbel

O impacto da crise no mundo do traballo en 15 dados; reportaxe da loita veciñal en Coia, entrevistas electorais (Olalla Rodil, M.A Fernán-Vello e Miguel Lorenzo), coloquio a fondo con Antón Reixa, adentrámonos na epopea dos refuxiados co fotógrafo Gabriel Tizón... todo isto e máis, neste número, xa na nosa loxa.

 

capa175

Un debate galego e plural si foi posíbel. Demostrouno Sermos Galiza co #sermosdebate, que permitiu a exposición dos principais asuntos da axenda galega e dos problemas do país. Contámosche os pormenores da xornada e as propostas que se fixeron nunha dupla páxina feita por María Obelleiro, a moderadora do debate. É un dos temas que tratamos no novo semanario, o nº175, e que xa tes na nosa loxa.

A campaña electoral é a cita do 20-D ten un cumprido espazo neste número. Entrevistamos Olalla Rodil, nº1 de Nós por Lugo (“A diferenza neste 20-D márcaa ter ou non un proxecto político para Galiza”), Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista de En Marea por Lugo (“A xente ve na Marea a posibilidade de cambio que quere e precisa”) e Miguel Lorenzo, nº1 do PP pola Coruña (“Galiza sae beneficiada de ter un goberno do PP no Estado”). En 'A campaña dos platós, a campaña da rúa' falamos do 'diktat' das televisións españolas, privadas e estatais, exclúen as forzas soberanistas e obríganas a estaren máis a pé de obra do que nunca.

Coia e Ferrol

Comerciantes e Asociación de Veciños Zona Centro rexeitan unha medida que consideran “prexudicial”. Un tema que abordamos en 'A peonalización de Ferrol dispara as críticas ao goberno local'.

'Coia reivindica a vixencia da loita veciñal'. Nesta dupla páxina falamos de como a Asemblea Aberta do barrio vigués realiza unha acción simbólica no aniversario da protesta da rotonda como chamamento pola xustiza social. Denuncian a represión que sofre o colectivo, cun dos seus membros condenado, outro imputado á espera de xuízo e decenas de sancionados.

Radiografía do traballo en Galiza após 7 anos de crise

Co título 'A crise arrasou o mundo do traballo na Galiza' analizamos como desde 2007 o paro aumentou no noso país un 132%, destruíronse 157.000 empregos, aumentou a precariedade e estancouse a negociación colectiva. Mulleres e mocidade son os colectivos máis golpeados.

Nos 50 días de acampada fronte a San Caetamo e amarre da frota nos peiraos, o cerqueiro está a ser a ponta de lanza do malestar dos diferentes sectores do mar da Galiza para coas administracións galega e española. Contámosche os por qués en 'O cerco mantén o pulso de Estado e Xunta e suma apoios ás súas demandas'.

Entrevistamos Vanessa Sotelo, ourensá máxima goleadora do Mundial de fútbol sala feminino. “Seguiremos facendo ruído para que nos valoren como merecemos”, afirma esta deportista de tan só 20 anos de idade.

Refuxiados

“A policía europea trata dos refuxiados como os trata España en Melilla”. Dio o fotógrafo Gabriel Tizón, que se desprazou ao surleste de Europa para cubrir a crise dos refuxiados sirios que foxen do poder exterminador do Estado Islámico.

En Viaxes na Miña Terra camiñamos da man do colectivo Xea polo interior do avesedo de Donís, o agreste e inmenso bosque que cubre a aba sombriza do val do río Ortigal, con especial atención á Fraga de Vilarello.

'Conceiçao Lima, a carne viva das ilhas'. Unha reportaxe de Xoán Costa para nos falar dunha das voces máis importantes da literatura africana contemporánea.

“Este libro é un axuste de contas coa realidade”

Entrevistamos Antón Reixa. “Supoño que co paso dos anos me refuxiarei cada vez máis na creación literaria ou na creación musical”, avisa o Reixa poeta que regresa cun novo libro debaixo do brazo. Trátase de 'Algo raro pasa raro' (La Oficina, 2015, edición bilingüe), e aproveitamos para falar con el dos seus versos e do seu contexto, que é a vida, nin máis nin menos.

O filme de Xabier P. Docampo

Tamén levamos neste número unha reportaxe sobre o fime que o escritor Xabier P. Docampo gravou hai 33 anos e vén de recuperar. E na contra-capa, Caleidoscópica: a importancia de saber mirar. Falamos dunha nova publicación, que ten a fotografía como alicerce e proa

Máis en Só en papel
Comentarios