#sermos165: eleccións en Portugal e entrevista a Gómez Noya

Máis un número do semanario: debullamos que se xoga Portugal nos comicios do domingo, entrevistamos o rei do triatlón mundial, contámosche a asemblea de Iniciativa pola Unión, preguntámonos pola relación entre xornalismo e literatura... todo isto e moito máis, á venda na nosa loxa.

SG165

O semanario Sermos Galiza chega ao seu número 165 coa vista posta nas eleccións que Portugal celebra este domingo, 4 de outubro. Analizamos a realidade do país e o que se xoga nos comicios nunha dupla páxina co título 'Incerta perspectiva de mudança em Portugal'. Un artigo do xornalista portugués Bruno Carvalho ('Portugal sob o signo da Troika') completa a reportaxe.

Entrevistamos Javier Gómez Noya, campión en cinco ocasións do mundo do triatlón. “Coidar os detalles é o que che dá as vitorias”, confesa o atleta ferrolán na conversa con Sermos Galiza nunha dupla páxina. “De nada serve adestrar na piscina, na bici ou na carreira seis horas se logo vou de cañas cos colegas”.

En 'Un clamor pola unión' falamos da asemblea convocada por Iniciativa pola Unión e na que tomaron parte por volta dun milleiro de persoas. Unha crónica que acompañamos de catro pequenas entrevistas a outros tantos participantes nesa xuntanza para por en marcha a construción dunha candidatura unitaria galega ás xerais. Tamén botamos un ollos obre as novidades na plataforma Encontro cidadán por unha marea galega.

A Catalunya após o 27S en catro voces

Cal é o escenario catalán que sae das eleccións do 27 de setembro? Pode extraerse algunha lección en chave galega deses comicios? Estas son algunhas das preguntas que propoñemos no noso 'Painel de expertos'. Antón Losada, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Porteiro e Aurelio Lópes fan as súas reflexións neste semanario sobre unhas cuestións que están a determinar a axenda política do Estado.

'Operación Patos: unha nova trama de corrupción na Galiza'. A investigación arrancou en 2012 coas relevacións dun ex socio. Tres anos despois son 51 as persoas imputadas. Entre elas, empresarios, altos cargos políticos e funcionarios públicos dunha vintena de concellos, da Deputación e da Xunta.

E en 'Vinte anos perdidos nas Fragas do Eume' abordamos a situación deste espazo único, e un Plan Reitor de Usos e Xestión –PRUX- do parque natural das Fragas do Eume que está “empantanado”.

O goberno municipal de Vigo segue a prestar o programa para persoas en exclusión social nunha furgoneta ou nun autobús. Meses despois de fechar o local municipal onde nacera, non se presentou outra alternativa para oferecer o servizo. Unha cuestión da que falamos en 'Un inverno máis na beirarrúa'.

Colombia e a paz

'Avança a paz em Colombia' é unha reportaxe de Carlos Morais, coñecedor do proceso de paz que se vive nese país, un proceso “novidoso”, afirma, que senta precendente para outros escenarios. Tamén na sección de Internacional falamos do movemento popular que, pasesiño, vai espallando por Bretaña unha vaga de consultas e referendos municipais a prol da reunificación e o auto-goberno do país.

En Viaxes na Miña Terra imos até a praia e lagoa de Doniños da man do colectivo Xea, cos que levamos ducias de semanarios a percorrer (e gozar) do país.

Entrevistamos a directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña, co gallo dos 35 anos da compañía. “Xa caeron grandes compañías, ninguén ten garantida a supervivencia”, confesa. E en 'É o tempo dos xornalistas na literatura galega' falamos con Fran P. Lorenzo, Alberto Ramos e Héctor Cajaraville, entre outros. Tres exemplosde xornalistas metidos a escritores.

Vera Duarte e un escrito para o Sermos Galiza

Entrevistamos Vera Duarte, poeta e romancista de Cabo-Verde, onde foi a primeira muller en entrar na Maxistratura. Publicamos um texto feito a propósito para o Sermos por Vera Duarte, unha carta aos seus conterrâneos da Galiza.

Mais os contidos deste semanario non acaban aquí. Na contra-capa falamos da 'Ukestra do Medio', a fabulosa orquestra de ukeleles, Pilar García Negro escribe de 'A dramática da lingua galega', e Elías Somoza (Fruga) de 'A capacidade de reacción do sector lácteo galego'. Non falta neste número a semana en imaxes, a crítica literaria de Mario Regueira, a cinematográfica de Andrés García Castro, a columna da AELG (desta vez con Antía Otero).

Máis en Só en papel
Comentarios