SOBRE A CAPA DO SERMOS160

Na Galiza os tractores non son amarelos

Cando ollei a capa deste Sermos Galiza cento sesenta, que logo se di, lembrei, non sei por que, o texto de Dieste. E tamén que na Galiza os tractores non son amarelos

Non, Dieste non falaba de tractores. Falaba de rexos carros de bois, que rinchaban e  xemían e daban tombos polos agres camiños montesíos. E de vellos que querían ver o tren. E de trens que non había.

Se Dieste escribise hoxe este relato seguro que poñía o seu vello a participar nunha tractorada. En Ordes ou en Melide. En Lalín ou en Vilalba. Nalgures. Porque hoxe o tren, naquelas terras da montaña, xa nin se ve. Nin hai vellos que o poidan ver. Tractores, poucos e carros ningún.

"Se Dieste escribise hoxe este relato seguro que poñía o seu vello a participar nunha tractorada"

Tractores que deixaron fora de uso o carro que cantou Manuel María. Mais ese non é o problema. O problema é que están quedando descatalogados, non os carros que sempre serán obxecto dunha tese de doutoramento nalgunha universidade, mais os labregos. E de nada han servir daquela os tractores.

No conto de Dieste hai un neno, mais o noso rural, o espazo hoxe identificábel cos tractores, está a quedar sen nenas, sen nenos. 

"No conto de Dieste hai un neno, mais o noso rural, o espazo hoxe identificábel cos tractores, está a quedar sen nenas, sen nenos"

Voltemos á capa do Sermos, que nos está a quedar á marxe. Chama a atención a imaxe dunha persoa no alto da muralla. Igual é aquel “neno ben vestido, de cara fina, que tiña nos ollos esa expresión dos ricos nenos das cidades”.

Pois será. Lembro como con trece anos comecei a traballar con tractores. Lembro os prezos: dúas parellas de bois daban para mercar un Super Ebro 55, azul. Logo veu o 160, encarnado, mais xa non era tan bon. E Barreiros tamén vendía o seu, dous ou tres tractores por parroquia, o máis bonito o R-500, o único Barreiros verde.

barreiros

Creo que lembrei o texto de Dieste porque nunha ocasión a Garda Civil me multou -eu non tiña idade para andar con tractores, mais non foi por iso: foi por levar no remolque miña avoa para ir coller o coche de liña. Por levala por unha corredoira con un metro de auga. Igual que o vello aquel viaxaba no carro. Tamén na tractorada de Melide houbo multas.

 
“Como corría o tren! E non levaba cabalos” Estes tractores si. Moitos cabalos. 270, 390, case os que se queiran. E uns prezos que fan os labregos totalmente dependentes  dos vendedores de maquinaria agrícola. Vesos de catro sucos, esparxedores de esterco de pitos, máquinas inmensas que viaxan por pistas destrozadas para mesturaren as racións de penso a cada vaca.

A ver se cando espertemos aínda hai un rapaciño que diga:

- Eu cando medre tamén hei de facer tractorada.

E lean, lean o Sermos 160 porque na Galiza os tractores non son amarelos.

Máis en Só en papel
Comentarios