Morre un traballador en Ribeira tras quedar atrapado baixo unha árbore

O persoal sanitario só puido confirmar o falecemento.
Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).

Un traballador perdeu a vida na tarde desta segunda feira despois de quedar atrapado baixo unha árbore nunha zona de difícil acceso no municipio de Ribeira (O Barbanza). Ocorreu pasadas as 16 horas, cando o 112-Galiza tivo constancia do sinistro tras a caída dun eucalipto na parte alta da Curota, na parroquia de Oleiros.

A persoa que chamaba ao 112 para alertar do ocorrido advertía que o traballador podía estar xa falecido. Inmediatamente, os xestores de emerxencias solicitaron a intervención dos bombeiros de Ribeira e de Boiro, que empregaron material de excarceración para poder rescatar a vítima.

Do mesmo modo, desprazáronse até o lugar profesionais de Urxencias Sanitarias-061, pero tan só puideron confirmar o seu falecemento. Tamén foron informados a Policía Nacional, a Local e o grupo municipal de emerxencias de Ribeira.

Ademais, os servizos de emerxencias traballan para trasladar o corpo até o Hospital do Barbanza a bordo do helicóptero Pesca I, de Gardacostas da Galiza, debido á dificultade da zona para realizar unha evacuación por terra.

Comentarios