Maneiras de ler. Sermos en siglas

Leo en SG que a APDR di que Ence usa un herbicida que a OMS considera un probábel factor de cancro e que a CUP non concorrerá ás eleccións. Tamén se fala do IPC e do PIB e de que a CRTVG asinou un convenio coa UNED. E máis cousas.

Siglas

A semana pasada comentabamos un acrónimo aparecido na capa de Sermos Galiza. Nesta é unha sigla a que centra o titular da capa do número 150. As siglas, xa se sabe, son palabras formadas polo conxunto de letras iniciais dunha expresión máis complexa. Neste caso Bloque Nacionalista Galego = BNG. Tamén se denomina sigla cada unha das letras que forman a mencionada palabra, o que con nomes de persoa tamén se chama iniciais.

Na linguaxe xornalística o uso de siglas é excepcionalmente alto na sección de información política, social e económica. Unha norma de estilo -non unha prescrición gramatical- indica que, por moi coñecida que sexa unha sigla, nunca se empregará sen que a primeira vez vaia acompañada do seu enunciado completo. E Sermos cumpre: o exemplo achámolo na contracapa: LNB (Liga Nacional de Billarda).

Cando unha sigla é moi coñecida pode non explicitarse, aínda que non se saiba o seu significado. É o caso de REPSOL ou ENCE que achamos na páxina 8, xunto a CSIC, CESPA ou SACYR.

Por suposto este abundancia de siglas nos xornais afecta tamén aos encrucillados, sección en que é moi habitual. Neste número 150 achamos MNL (Mesa pola Normalización Lingüística) ou ITV (Inspección Técnica de Vehículos).

As siglas, loxicamente, seguen as normas de construción gramatical da lingua que as cría

As siglas, loxicamente, seguen as normas de construción gramatical da lingua que as cría e, por veces, se son traducidas para outra lingua, seguen unha orde diferente para se adaptar ás estruturas lingüísticas desta lingua. Un dos casos máis coñecido é o de NATO utilizada entre nós como OTAN.

Pero máis curiosos son os casos de siglas que, en virtude do visto anteriormente, aluden a realidades diferentes segundo a sociedade que as use. Así, por exemplo, entre nós a sigla CIG (páxina 13 de Sermos) utilizase para nos referir á organización sindical, mais no Brasil, se dicimos CIG estamos a nos referir ao Centro Integrado de Governo, o que entre nós sería un edificio administrativo. ESO (Ensino Secundario Obrigatorio entre nós) é tamén a sigla de European School of Oncology e a famosa Lei Orgánica de Universidades (LOU) tamén é a sigla de Limited Official Use e o que nos nosos lares é ANPE, a asociación de profesorado é noutros a Agence Nationale pour l'Emploi. O Consello da Cultura Galega (CCG) comparte siglas co organismo do Ministerio de Comercio denominado Consello de Cooperación do Golfo. O ben coñecido IPC, ou Índice de Prezos ao Consumidor,  reverte noutras partes en International Patent Classification,o sistema de clasificación de patente internacional.

Así son as cousas e así nolas vai seguir contando Sermos Galiza.

Máis en Só en papel
Comentarios