8X: O SERMOS EN PAPEL CUMPRE 3 ANOS

Tres anos de apostar no xornalismo en papel e en galego

Sermos Galiza cumpre este 8 de xuño o seu terceiro aniversario como semanario con azos para ampliar camiño.

En xuño de 2012 saía do prelo o primeiro número do Sermos Galiza, o semanario xurdido do compromiso e apoio de centenares de persoas e entidades de todo o país após unha intensa campaña de promoción por toda Galiza. Tres anos do retorno do galego ao que debería ser normal mais non o é: a presenza en quioscos e librarías de imprensa no idioma propio do país. Nestes tres anos enfornáronse 148 números. Unha cifra que só ten sentido se é para superala, ampliala e enriquecela con máis semanarios. Mais unha cifra, 148, que é mostra do camiño percorrido até o de agora, un exemplo de compromiso, de xornalismo e de aposta e crenza en que se pode ter unha ollada propia como país desde a que encarar e interpretar o mundo.

Cabemos tod@s

Foron tres anos nos que falar desde nós e para tod@s, de política, de economía, de cultura, de educación, de deporte, de lecer.... Tres anos de proxecto ilusionante compartido por moita xente mais que quere chegar aínda a moita máis. Tres anos en que non faltaron críticas e pexas, das que tomamos nota sabendo que nos farán mellores; tres anos nos que quixemos partillar voz e navegación con todas aquelas persoas que acreditan que somos quen de facer e de construír xornalismo galego e en galego para explicar e explicármonos, para informar e informármonos. Para facer comunidade Sermos. Facemos tres anos en papel, no seu formato semanario. Foi un verdadeiro orgullo e pracer partillar estes tres anos con lectores, subscriptores e apoiantes. De certo, será un orgullo partillar moitos anos máis. Parabéns a tod@s e obrigados.

aniversario

Máis en Só en papel
Comentarios