Xurxo Doval, novo secretario xeral de Xuventudes Socialistas

Doval chega ao liderado das mocidades do PSdeG coa promesa de "devolver a ilusión á mocidade" 

Doval, no centro, xunto a membros das XSG
photo_camera Doval, no centro, xunto a membros das XSG

Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) proclamou oficialmente este domingo, 19 de decembro, o ourensán Xurxo Doval como novo secretario xeral electo da organización xuvenil do PSdeG, tras liderar a única candidatura presentada. Con todo, debe someterse á ratificación do Congreso Nacional que a organización xuvenil terá a 29 de xaneiro 

Doval manifestou nunha comparecencia desde a sede do PSdeG, en Santiago que o seu obxectivo é que se entenda a "idiosincrasia das comarcas" da Galiza para poder desenvolver "un modelo económico e social equitativo que poña fin á ineficiente e déspota dinastía" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.  

"Entendemos que o sistema  languidece cando vota menos de 50% da poboación" aseverou o socialista, á vez que engadiu que hai que "devolver a ilusión á mocidade" para que "se poida sentir identificada cunha nova resposta do país".   

Doval concluíu expresando que non van pedir á mocidade "conquistar o ceo con palabras bonitas" pero si coa enerxía de varias xeracións que "non se queren resignar a seguir emigrando" e que "tristemente xa non teñen máis nada que perder".  

Comentarios