crise dos pellets

A Xunta coñecía desde o 24 de decembro que os pellets podían ser de contedores perdidos

O Goberno estatal recibiu o 20 de decembro unha comunicación dos representantes dos armadores indicando que un dos contedores perdidos contiña pellets, un aviso que se trasladou vía "whatsapp" ás autoridades galegas ao día seguinte, pero que non se remitiu de forma oficial, por mail, até o 3 de xaneiro, cando se activou o primeiro nivel do Camgal, segundo a Xunta.
Elena Candia, Miguel Santalices e Ángeles Vázquez, hoxe, no Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera Elena Candia, Miguel Santalices e Ángeles Vázquez, hoxe, no Parlamento. (Foto: Arxina)

Salvamento Marítimo informou nunha comunicación co 112, dependente da Axencia Galega de Emerxencias da Xunta da Galiza,  o 24 de decembro de que tiñan rexistradas "varias incidencias" por localización de plásticos na costa galega,  dos que analizaban se podían ter "relación cun buque" que "podería perder" contedores no mar. Isto  é dúas semanas antes da data que o Goberno galego mantén como a primeira vez que desde o Estado lle notificaron de maneira oficial a presenza de pellets: 3 de xaneiro.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, recoñeceu esta sexta feira na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamentos non só que desde o centro de coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra se puxeran en contacto co 112 pola presenza de bólas de plástico.

Tamén apuntou que desde o 13 de decembro —cando o veciño de Ribeira advertiu á Xunta da presenza destes micropásticos— até 3 de xaneiro recibíronse "tres avisos" por localización de pellets en Ribeira, Muros e Porto do Son. Porén, e malia todos estes indicios e avisos, o Goberno galego non activou entón ningún dispositivo nin protocolo.

Vázquez escudouse en que o 112 recibe unhas 1.500 chamadas anuais de residuos do mar que chegan a terra, apuntando que, ademais, non había comunicación sobre a perda de carga dun buque. "En ningún caso se sabía a magnitude da vertedura porque quen tiña que informar, non informou", dixo a vicepresidenta segunda, que volveu situar toda a responsabilidade da marea de plásticos nos pellets no Goberno estatal.

Un proceder e unha xestión da crise ante a cal a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa sorpresa: "A vostedes chégalles un vertido plástico ás praias e se non lles chaman de Madrid non fan nada? Non actúan?". Tamén Julio Torrado, portavoz do PSdeG nesta comparecencia na Deputación Permanente cargou contra a xestión: "Vostede, conselleira de Medio Ambiente, vén aquí a explicar que este problema medioambiental na Galiza non é competencia da Consellaría de Medio Ambiente da Galiza".

Malia as críticas, Vázquez non se moveu do argumentario da Xunta nestes días. "Os avisos [do Goberno estatal] tardaron moito en chegar e non se pararon a tempo os sacos de pellets no mar", afirmou. Criticou ademais a actitude da oposición nesta crise, acusándoos de "apostar pola toxicidade mediática" e cifrou en 70 os sacos de pellets retirados nas praias galegas até esta sexta feira.

Rueda, "ausente"

Pontón acusou a Vázquez de acudir á Cámara a "repetir o argumentario de falsidades e mentiras", o mesmo "protocolo infame do Prestige". A líder nacionalista dixo que os galegos "merecen un Goberno  galegoque non lles minta, que afronte os problemas e dea solucións". Para Pontón, os executivos galego e estatal deben abandonar  "confrontación inútil" e centrarse en "retirar a marea de plástico".

Torrado, pola súa parte, reclamou a "dimisión ou cese" da conselleira e mais do conselleiro de Mar, Alfonso Vilares, e tendeu a man ao BNG para pedir conxuntamente a reprobación na Cámara destes dous cargos.

"Onde está Rueda, de que se esconde, por que non dá a cara?"

"Estamos ante un desastre medioambiental no que Galiza soporta unha marea de plástico de 26 toneladas. Onde está o señor Rueda? Por que hoxe non está na Cámara dando explicacións?", preguntou Pontón, que acusou o titular da Xunta de "esconderse" para non ter que render contas na Cámara da xestión desta crise. A maioría do PP vetou a comparecencia do presidente.

O portavoz do PSdeG neste debate, Julio Torrado, apuntou que se ben a Xunta non é "culpábel" da vertedura dos contedores de pellets do barco; sí que é responsábel da "xestión" da crise e aí, incidiu, están a errar.

A consellira pola súa parte, e ante as críticas da oposición, recoñeceu que durante esta xestión "puido haber erros" da Administración galega, mais para se apresurar a engadir a seguir que houbo "moitos máis" polo Estado.

Comentarios